A libreta de «Nena»

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

26 abr 2017 . Actualizado a las 11:33 h.

Era o primeiro que un concelleiro aprendía: o veredicto da libreta de C. F. Vivero (Nena), alta funcionaria de Intervención. Despois do interventor a libreta de Nena era libro sagrado. Infalible.

Alí estaban os lindes do gasto de cada negociado, de cada concelleiro. Como se das raias dun campo de tenis se tratase, un concelleiro sabia cándo a pelota caía dentro ou fóra. En caso de dúbida o ollo de Nena posto na libreta era o ollo de falcón.

Non me explico logo cómo puido ser todo isto das ilegalidades en concellos, deputacións, comunidades... ¿Non había interventor? ¿Non había libreta de Nena para cantar os lindes do gasto?

Unha vez en Cultura decidimos mercar un piano. Usábase o piano da Filarmónica, o magnífico Steinway. Pero no sempre estaba disponible. Daquela Nena xa se xubilara. Á nova xefa non lle cadraba a compra dun piano. Non lle parecía propio dun concello. Buscouse con matices e siloxismos escolásticos a fórmula: «Compra dun moble para o decoro do salón de recepcións».

Esta fórmula deu maridado a vontade de Cultura co rigor de Intervención e os concertos de piano puidéronse celebrar no salón de recepcións gracias ao moble do decoro. O Jofre era da empresa Fraga e o aluguer do teatro custaba 200.000 pesetas día. Había logo que mercar o teatro e fixen xestións. A empresa pedía 170 millóns. Despois dixéronme que coa axuda da Xunta e tal se deu mercado por 500 millóns.

Eu xa non estaba de concelleiro. A libreta de Nena ao parecer tampouco estaba.