«Ser galego, esteas onde esteas, é levar a Galicia sempre contigo»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL

CÉSAR TOIMIL

O debuxante afirma que o humor ten que servir para «defender a liberdade»

25 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai algo que un pode dicir de Xaquín Marín, en voz ben alta, sen temor a equivocarse: que, aos seus 73 anos, é, verdadeiramente, un clásico. Porque a súa obra, froito dunha mirada única que non se parece a nada, é imprescindible para explicar, na súa auténtica dimensión, a Galicia do último medio século. Probablemente no futuro, cando alguén pense, de xeito espontáneo, na Galicia do noso tempo, entre as imaxes que se lle virán á cabeza, á par das paisaxes nas que se abrazan o mar e a terra e dalgúns monumentos herdados do fondo das idades, estará un debuxo de Xaquín Marín.

-Aínda que vostede, polo que parece, non comparte esa opinión...

-Non, claro que non a comparto.

-¿Por que...? Vostede é unha das figuras centrais da cultura galega. E ademais unha das personas máis queridas en Galicia.

-Pois eu non me sinto así.

-¿Non percibe o afecto da xente?

-En realidade, nin sequera percibo que o que eu fixen chegase a moita xente. E nin sequera sei o que quedará de todo isto. Aínda que tampouco quero parecer un pesimista, porque non o son. O certo é que eu son un optimisma que sempre soubo aguantar o que lle trouxo o destino.

-Sorpréndeme que diga que a súa obra non chegou a un público amplo...

-¡Pero é que iso é así...! Nunca chegou a demasiada xente. Ti percibes outra cousa, pero probablemente iso é porque a xente que lles quere ás cousas ás que ti lles queres si coñeza o meu traballo, e incluso sinta afecto por min, pero non se pode xeralizar.

-¿Como vai a súa relación coa pintura?, ¿está pintando agora?

-Si, estou pintando, pero non me dou demasiada présa cando pinto. Esa é outra das cousas que fixen que non atopou excesivo eco. Tal vez por iso sempre tiven a pintura algo abandonada, aínda que sentise tantas veces o desexo de pintar máis.

-¿O humor pode ser neutral?

-Non, o humor non pode ser neutral nunca: contra a violencia e pobreza non pode haber neutralidade. Cando hai tanta miseria, cando hai guerra, cando hai inxustiza, cando hai tanta xente que sofre, o humorista ten que tomar partido.

-¿Este é un bo momento para o humor?

-Pois si. Este é un bo momento para o humor, precisamente porque hai dificultades, e o humor non pode calar, ten que servir para defender a liberdade.

-¿Que etapa da súa vida definiu máis a súa personalidade?

-Todas. Pero o meu paso por Astano, por exemplo, foi moi importante para min. Astano foi unha verdadeira escola. E non só para min: para moitísima xente.

-¿Que é, para vostede, ser galego?

-Para min ser galego, esteas onde estas, é levar a Galicia sempre contigo. Ou sexa, a cousa máis natural do mundo.