San Roque e outros

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

24 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

San Roque é un santo do que se pode presumir. Non sabía facer máis que o ben. O día de San Roque imposible ser anticlerical. Era un peregrino que pasaba polos pobos, sempre co seu canciño, curando as pestes disque gratis. Un precursor da sanidade pública. As relixións teñen moitas cousas boas, ademais dos santos deste tipo. Media España fíxolle votos a San Roque contra a peste. Coincidiu que o día de San Roque mercamos uns pasteis chamados ‘piononos’.

Algo lin do papa Pío ‘nono’. Aínda tivo sorte pasar á historia polo nome dun pastel de crema. En Viveiro teñen pasteis que se chaman ‘xesuítas’. Preguntei o por qué de ese nome, pero a señora da pastelería non sabía darme razón. Comendo tal pastel gardeime de pensar nos xesuitas. Non quería remexer ideas no medio da larpeirada. Despois na paz que che deixa o ‘xesuíta’ sí que pensei no seu nome e confeso que o que coñezo da orde relixiosa non me cadra para nada nin coa forma nin co gusto do pastel. Nunca puiden imaxinar que a Compañía, as súas estrucias e mesmo santidade, acabara na boca dos de Viveiro en forma de pastel. En Ávila case todo é Santa Teresa. Hai pastas, roscas, melindres e máis as famosas xemas da Santa. Non chegan a arte do éxtase de Bernini, porque en Ávila os delirios se teñen como cousas que hai que gardar na intimidade. As xemas non dan a finura dos ‘piononos’ e quedan lonxe do misterio dos ‘xesuítas’ de Viveiro. Na procesión do meu pobo San Roque peregrino leva as primeiras uvas.