Fabio Cunctator

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

29 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Vas por rúas sen coches pero sorteando terrazas e saúdanme exalumnos. Como pasa o tempo para todos. Agora son señores e señoras formais preocupados polas crianças.

Despois do recunque das eleccións -nunca o viño sabe igual no recunque- una exalumna, destas que digo, pregúntame a opinión de profesor de historia. «¿Qué queres que che conte?. As cousas non son doadas para un país que debe un ano completo da renda. Para pagar hai que estar un ano traballando sen comer. A esquerda non concreta o que quere. Ou quere todo e de golpe. Hai que ir amodo».

A exalumna pónme caras. Pensa que vou vello e falo coma un vello: «Hai que ir amodo. Ir por partes. Non perderse en teoloxías -perdón se falto, pero moitos teólogos me entenden-. ¿Recordas a lección do romano Fabio Cunctator? Venceu a Anibal non presentando nunca batalla directa. Artellou unha política de guerrillas. Foi amodo. Cunctactor significa o que se retrasa».

A exalumna parecíame das que votan daquela maneira. Había sinais nos complementos que a significaban. Os sindicatos ingleses do século XIX eran fabianos por practicar a táctica de Fabio Cunctator. ¿Cómo pagar a débeda e blindar a sanidade pública? ¿Cómo aumentar o salario mínimo sen perder negocios? ¿Cómo facer unha lei laboral digna e convencer aos empresarios que sen dignidade non hai productividade? Dime para cortar o rollo: «¿E se non queremos unha política fabiana

Respondo a piñón fixo e sen dar pedal: «As eleccións pasadas son a resposta».