Jorge Suárez: «Non veño xestionar un Concello, son un activista en busca dun Ferrol mellor»

FERROL

ANGEL MANSO

O cabeza de lista de Ferrol en Común defende que a estabilidade prometida polo PP lograrana xunto ao PSOE e ao BNG

26 may 2015 . Actualizado a las 12:22 h.

Sentado nun banco público, como xa fixera en campaña, Jorge Suárez Fernández (Vigo, 1975) concede a súa sexta entrevista do día. Pese á festa na que se converteu para Ferrol en Común a noite electoral, madrugou para atender unha axenda que no día despois copan os medios. Na praza de Armas tendeulle a man ao alcalde en funcións, o popular José Manuel Rey Varela, nun encontro fugaz que foi unha sorte de relevo anticipado. Onte era un día para as felicitacións. Pero tamén para comezar a levantar o teléfono: os seis concelleiros obtidos non son suficientes. A invitación ao PSOE de Beatriz Sestayo, con cinco edís, e ao BNG, con dous, está enriba da mesa.

-O último día da campaña o de ser alcalde parecíalle case inviable. Hoxe é a posibilidade con máis opcións. ¿Sorprendido?

-Máis que sorprendido, agradecido pola conciencia que tomou a cidadanía de Ferrol de que era necesario un cambio de rumbo político. Estou convencido de que vou ser alcalde, porque se nos centramos no importante, o programa, tanto o BNG, coma o PSOE coma nós levamos propostas que nos achegan máis do que nos separan. E temos que dar resposta ao que a xente demandou: un goberno de esquerdas para Ferrol, centrado nun programa de mínimos e nas necesidades reais das persoas. Xa rematou o tempo dos intereses partidistas e dos investimentos en obras faraónicas. Agora o que toca é, como di o noso lema, rescatar Ferrol.

-¿Iniciou xa os contactos?

-Farémolos canto antes. Debemos poñernos mans á obra e chegar a ese acordo para un goberno estable. A estabilidade que prometía o PP ímola lograr nós, pero conxuntamente coa cidadanía. Penso que o acordo estable vai ser posible porque polo que manifestaron tanto Beatriz Sestayo como Iván Rivas non podemos escapar do que Ferrol decidiu.

-¿A que estaría disposto a renunciar FeC para lograr ese pacto?

-Partindo da base de que as decisións lle corresponden á asemblea, o que non nos interesa son tres gobernos paralelos. A cidadanía tanto en Ferrol, A Coruña, Santiago, Madrid e Barcelona o que está demandando é unidade. Temos que deixar de lado os intereses partidistas; non as nosas diferenzas ideolóxicas, que é irrenunciable, pero si os intereses de partido, e traballar como se foramos unha fronte única. E recuperar ese espírito do 31, dos frentes populares que tanto ben fixeron na sociedade.

-Ferrol ten experiencias falidas en cuestión de pactos...

-Sei que é fácil vender optimismo xurdindo da nada pero é un feito que estamos vivindo un cambio de ciclo político que non ten nada que ver con experiencias anteriores. A transformación xa se está a producir, temos por diante unhas eleccións xerais e autonómicas que estou convencidísimo de que van a supoñer un novo concepto de democracia, máis real e participativa. O que queira borrarse deste cambio de ciclo vai pagar as consecuencias como responsable de non estar á altura. Eu vou ser xeneroso e apelo á xenerosidade do resto das forzas políticas.

-¿Que van facer coas obras en marcha que tanto criticaron?

-O primeiro que faremos é revisar os contratos e auditar as contas do Concello, a ver en que estado económico real se atopa. Calquera investimento superfluo e que poidamos legalmente deter, farémolo, e centrarémolo en gasto social, en emprego e en frear a exclusión social. Se está nas miñas mans, deterei obras como a do ascensor panorámico da Cuesta de Mella.

-Hai quen di que o cargo lle virá grande...

-Para os que entenden os concellos como un consello de administración e que consideran que para ser un bo alcalde hai que ser un bo xestor é normal que así o pensen. Eu teño outra visión da política, a visión clásica da política como a procura do ben común. E para facelo non fan falta tantos coñecementos técnicos senón a vontade política de que a xente se implique realmente, coa participación. Pero eu non veño aquí para xestionar un concello, senón que son máis un activista na procura dun Ferrol mellor.

-¿Non hai un exceso de utopía nas súas propostas?

-O programa ten propostas moi concretas. O que algunha xente cualifica como utopía eu chámoo transformación social. A realidade porá a cada un no seu lugar. E cando a cidadanía comece a notar os efectos das primeiras medidas que tomemos, vaise dar conta de que isto non é poesía política, que isto é realidade política.