Financiamento para non dar pasos atrás

Araceli Torres VICERRECTORA DO CAMPUS DE FERROL

A CORUÑA CIUDAD

01 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

pasado luns con motivo da festividade de Santo Tomás de Aquino o Paraninfo da Universidade da Coruña acolleu os actos conmemorativos do día da Universidade. Neste día a comunidade universitaria rende un sinxelo homenaxe ós seus mellores estudantes: os que comezan os seus estudos na Universidade, que reciben o premio á excelencia no bacharelato e os que rematan os estudos de grao e doutoramento sendo merecentes dos premios extraordinarios nas súas respectivas titulacións.

Eles, e en moitos casos elas, son as mellores, pero todos os estudantes actuais e os que han de vir teñen dereito a dispoñer na Universidade da Coruña dos recursos necesarios para ter unha educación de calidade. Este ano remata o plan de financiamento do sistema universitario galego e estase a negociar o novo plan que estará vixente nos próximos anos.

É imprescindible que o presuposto que a Xunta de Galicia destina as universidades galegas sexa cando menos suficiente para cubrir as súas necesidades e que permitan ofrecer á sociedade esa educación excelente que reclamamos para o ensino público, como garante da igualdade de oportunidades.

Durante o período de aplicación do plan de financiamento que agora remata e cuxos criterios foron prexudiciais para esta institución, a Universidade da Coruña desenvolveu unha xestión eficiente que lle permitiu pasar esa etapa sen endebedarse e mantendo o nivel esixido, malia ser a universidade española que menos financiamento recibe por estudante.

Púidose facer, a costa do esforzo que asumiu o profesorado e o persoal de administración e servizos ademais de non facer grandes inversións en infraestruturas.

Mais esta situación non pode manterse por mais tempo se non queremos dar pasos atrás que poderían ser irreversibles e botar por terra o avance conseguido nas últimas décadas. Un avance logrado grazas en parte o traballo feito por xoves investigadores, en moitos casos os mellores estudantes que no seu día recibiron os galardóns que así o acredita e que a día de hoxe teñen que deixar o noso país porque nas universidades non temos posibilidade de retelos.