26, parcelaria

Xan Rodríguez Silvar

FERROL

29 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

E

ste título, a xeito de encrucillado, inspírase en dous fitos memorables por distintas razóns. Un foi de carácter local, o acto sobre a Concentración Parcelaria de Covas, Esmelle, Marmancón e Mandiá que reuniu a máis de cen veciños para escoitar ao responsable nos últimos catro anos de rematar un complexo proceso que demorou máis de 30 anos en converter as máis de 25.000 propiedades iniciais na cuarta parte final. O 26 refírese a un evento global, o día de xaneiro que a UNESCO adica á Educación Ambiental (EA), unha iniciativa de 1972 para abordar o reto de implicar ás persoas na xestión dos recursos da súa terra, do Planeta Terra en suma.

Onde está a relación? Dicía o relator en Esmelle que gustaba máis da idea de ordenación que do termo concentración parcelaria, xa que o reto é reorganizar o territorio para posibilitar o aproveitamento sostible dos recursos. Este era a dura realidade para as xeracións de Galicia ata mediado o S.XX, pero loitar contra o abandono do agro faise imposible coa propiedade tan fragmentada e a pasividade dalgunhas administracións que aínda non caeron do guindo, entorpecedoras das tan valiosas coma escasas iniciativas de emprendemento no rural. Na charla de Esmelle flotou o espírito da EA, proclamador en orixe da necesidade da colaboración entre os axentes implicados: os produtores (agricultores, gandeiros, transformadores, ...), e os decisores políticos e técnicos responsables do campo... e da demografía. Este país que se queda sen xente para traballar e consumir recursos de calidade debe esforzarse en facer educación ambiental (cal se non?) para que administrados e administradores poñan coto ao abandono. Os tempos son chegados.