«O urbanismo actual moito non me di, a Cedeira de cando era neno desapareceu»

ana f. cuba CEDEIRA / LA VOZ

FERROL

JOSÉ PARDO

Este empresario xubilado reproduciu a ponte vella, o cine Arriví ou A Marieta

02 nov 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

De neno construíu unha casa pequena de pedra debaixo dunha figueira, na horta da casa. «Sempre me chamou a atención iso», comenta Jesús Barcia Alonso (Cedeira, 1937). De seu pai, ebanista, «dos que non hai hoxe», aprendeu a traballar a madeira. Quería ser carpinteiro pero fíxose barbeiro, oficio que abandonou ao volver da mili para dedicarse ao negocio familiar, un ultramarinos que montara seu pai para os fillos. Alí botou a vida. «Compramos un camión e empezamos co transporte, levabamos peixe a A Coruña e traiamos paquetería. Tivemos a distribución de Leyma 20 anos, pensos Biona e fariñas, chegabamos a Couzadoiro», conta. As afeccións deixounas para o retiro. A primeira maqueta que fixo é da casa rural O Carreiro, en Cervo. «Toda de pedra, pesaba uns 500 quilos... Dinlla ao Concello para que a expuxera e agora non saben onde está; tiña ata os hórreos e uns galpóns», explica. Un día, esperando na xestoría pola declaración da renda, leu nunha revista unha reportaxe dun catalán que construía maquetas con cartón. «E deume por facer unha con madeira e cartón, un material estupendo, agás que non se pode mollar». De aí saíron as réplicas a escala das igrexas das seis parroquias de Cedeira -en exposición permanente no auditorio- e das capelas de San Antón Corveiro, Meizoso, Reboredo e Biduído (fáltanlle as da Area, A Carballa e San Isidro).

Suso, como é coñecido na vila, añora «aquel puebliño de Cedeira» de casas baixas e árbores a un lado e outro da (agora) avenida de Castelao. «O urbanismo actual moito non me di, gústanme os cascos antigos, ben coidados, iso é unha marabilla. O bonito de Cedeira, de cando eu era neno, desapareceu todo (...). Agora é outro mundo», di con mágoa

A añoranza daquela Cedeira levouno a recuperar a arquitectura de entón, moita desaparecida, en forma de ponte antiga, cine Arriví (que ardeu no ano 1957), fonte da Marieta -«sacárona para unha parada de taxis... que maneira de estragar todo»-, ou concello vello, coa casa rectoral e o mercado (nunha peza). «Gústame o que desapareceu». Agora ultima a que, vaticina, será a súa obra «favorita», o muíño das Aceas, coa roda e unha bomba de auga para poñelo a andar.