O ximnasio

POR SIRO

FERROL

siro

19 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Dos tres centros de formación de aprendices en Bazán -escolas, talleres e ximnasio-, o peor era este último, que, en realidade, non existía, porque o chamado ximnasio era a cancha onde os equipos de baloncesto Bazán A e Bazán B xogaban os seus partidos. Ás oito menos cuarto da mañá, os aprendices de 1º e 2º entraban nese recinto, deixaban nas gradas, feita un lote, a roupa de casa e poñían a deportiva: camisa branca de manga curta, calzón azul mariño, curto tamén, e para de contar, que nos pés levaban o que traían, así viñesen con zocos.

Con esas pintas, aprendían nas primeiras semanas a aliñarse en perfecta formación e a desfilar dun xeito marcial, marcando o paso ao ritmo de cancións divertidas como A mí me gusta el pi-piribí-pi-pi, por la bota empinar, parabá-pa-pa, ou de versións españolas de himnos nazis como Montañas nevadas, banderas al viento, el alma tranquila, Dios ha de vencer; dependendo do talante do instructor ou monitor, que de todo había. Cando eu entrei, en 1957, descubrín que bos eran os deportistas e amantes do deporte; e malos os que andaban entre aprendices para ter en quen mandar. Dos bos só consigo recordar a Abeledo, Pontijas, Castiñeiras, Basterrechea, Yurrita? Os ruins, aínda que non os cite, recórdoos todos. Para os que practicaron o fútbol resulta entrañable a figura de Fontela, e a de Quincho para os corredores de fondo. Tamén había un equipo de natación e outro de axedrez; e o maestro Sierra viña de cando en cando a dirixirnos mentres cantabamos un himno que dicía: Somos obreros hermanos/ de la Construcción Naval/ y la virtud acompaña/ a nuestro hermoso ideal.

Quen entrase no ximnasio cando os grupos estaban fóra, só vería un potro e un plinto cos coiros raídos, arrimados á parede; a Gomariz coa cesta dos bocatas, a repartir ás nove; e o mando supremo formado por Montero Romero, oficial mutilado, cunha perna tesa; don Rafael Blanco, comandante de Mariña; e don Abelardo, coronel de Infantería. A carencia de medios era tal, que no meu grupo chegamos a practicar o lanzamento de peso con pedras. E sen embargo, daqueles aprendices saíron, dende a primeira promoción, moitos espléndidos deportistas, que competiron con éxito en todas as especialidades.

O triunfo colectivo dos deportistas de Bazán con máis resoancia na prensa española foi a obtención da Medalla de Ouro na Primeira Olimpiada Sindical, celebrada en Madrid o ano 1958, que rematou cunha exhibición ximnástica de 600 aprendices e operarios xoves, a noite do 1 de maio, no estadio Santiago Bernabeu, ante o Caudillo, o Goberno e 120.000 espectadores. En España non se vira nada igual e o éxito foi clamoroso, pero aquela perfección na realización dunha táboa ximnástica longa e de gran complexidade non se acadou sen esforzo. Cando o 25 de abril fomos aloxados en tendas de campaña no Parque Sindical Puerta de Hierro, á beira do río Manzanares, xa a levabamos aprendida; alá, a pleno sol, en sesións de mañá e tarde, practicámola todos xuntos. Foi un adestramento durísimo e cada día caía desmaiado algún rapaz; endebén, a noite do 1 de maio eramos robots e o erro humano imposible.

O NO-DO describiu a clausura da Olimpiada Sindical coa linguaxe propia do momento: 10.000 productores atletas, héroes anónimos del deporte, rinden el día de San José Obrero -la Fiesta Cristiana del Trabajo- el unánime y representativo homenaje al Caudillo, de la España Laboral.

Despois destacaba a extraordinaria demostración ximnástica dos traballadores de Bazán, que remataba con la composición de una torre humana, que se alza como un símbolo de la Olimpiada Laboral sobre la tierra española, donde los Juegos Deportivos Sindicales han significado una expresión elocuente de la paz y disciplina de la patria.

Eu estiven alí, en primeira liña, o terceiro dende a esquerda; e non sentín o medo escénico do Santiago Bernabeu. Coido que os meus compañeiros tampouco.

siro@siroartista.com