Un museo para Ferrol

POR SIRO

FERROL

SIRO

28 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Este verán houbo tantos turistas na Coruña, que o difícil era escoitar no centro da cidade un acento galego. A ocupación dos hoteis superou o noventa por cento e os comercios, bares, cafés e restaurantes estiveron cheos ata altas horas da noite. Recordaba a Coruña da miña mocidade, cando os ferroláns pasmabamos ante as terrazas da zona das Galerías, concurridísimas á luz das farolas; pero aqueles eran coruñeses amantes da vida nocturna, e estes son forasteiros que deixan gran beneficio económico na cidade.

Mentres facía o paseo diario ata Porta Real, non deixaba de pensar en como levar un vinte ou un trinta por cento daqueles turistas a Ferrol. A unha reflexión seguía outra e, en segundos, pasaba da ilusión ao pesimismo, e do desánimo á esperanza; porque o positivo, é termos tantos turistas tan perto, que se os chamamos nos oen; o negativo é chamalos e sentírmonos avergoñados do que van ver.

Despois de gozar dos preciosos Cantóns coruñeses, calquera turista quedaría arrepiado ante o abandono do Cantón de Molíns; despois de pasear polo Parque de Santa Margarita, na Coruña, cheo de encanto, podería sufrir un infarto ante o estrago feito no noso parque Reina Sofía. O turista preguntaríase, como me pregunto eu, se en Ferrol houbo, de verdade, en democracia, un edil de xardíns; se o hai hoxe, e cobra por facer o que non fai, e, peor aínda, por facer o que fai.

Despois de percorrer o Paseo Marítimo da Coruña, o turista non entendería por que en Ferrol ha de ir ao porto para ver o mar; e subir aos xardíns de Capitanía para admirar outra cidade inimaxinable, tras a muralla. E costaríalle admirar o trazado da primeira cidade racionalista de Europa, vendo a ambos lados das rúas tantos baixos baleiros, entre eles o dunha librería que «pecha por melancolía».

O turismo viría se Ferrol fose declarada «patrimonio da Humanidade», pero non se pide con mobilización cidadana, como en Coruña e Lugo reclamaron a distinción para a torre de Hércules e as murallas romanas. Ogallá se consiga así, pola caladiña, como se está xestionando, pero a experiencia demostra que o éxito depende, en gran medida, dos medios de comunicación. Aquelo de «o bo pano na arca véndese» xa non se cumpre, e o que non sae en TV, non existe. Por eso o espléndido Museo Naval de Ferrol, é descoñecido, e «As Meninas de Canido», enxeñosa iniciativa de Eduardo Hermida, están nos Circuítos Culturais Europeos.

Sen embargo «As Meninas de Canido»> non van atraer ese vinte ou trinta por cento do turismo coruñés, e mentres agardamos o recoñecemento da UNESCO deberiamos crear algo novo, orixinal, único en España, e con gran impacto social. Podería ser un «Museo da Paz», orientado a superar os odios que nos deixou a Guerra Civil. Ferrol é cidade idónea para acollelo, porque aquí naceron Pablo Iglesias e Franco, e aquí a represión foi tan cruel que quedan moitas feridas abertas. Pero adiantóusenos Guernica, idónea tamén, por razóns obvias.

E sen embargo, non é lóxico facer ao Exército depositario da estatua ecuestre de Franco, do excelente escultor sevillano Federico Collaut-Valera; nin que o espléndido monumento a Millán Astray, realizado polo galego Xoán Piñeiro, retirado do emprazamento na Coruña, e moitos outros, sexan arrombados como chatarra en calquera almacén, e con eles a dignidade dos autores. Estas obras e outras a recoller en toda España, deberían estar en Ferrol, nun «Museo da Guerra Civil», para que nunca máis se repita e cos recordos dos militares e políticos republicanos, e das víctimas da represión nos dous bandos. Un museo para a reconciliación. Eu aportaría retratos de Amada García, Xaime Quintanilla, o almirante Azarola, o xeneral Caridad Pita?

Penso que un museo así, nun Ferrol ben coidado, co entorno paisaxístico incomparable que temos, chamaría o turismo. Enténdase, pois, este artigo como unha «carta aberta a quen corresponda».

siro@siroartista.com