«A nosa prioridade son as persoas, os servizos, a cultura e o deporte»

raquel freire NARÓN / LA VOZ

FERROL

JOSE PARDO

O rexidor anuncia que o 50% dos membros da súa lista son menores de 30

16 sep 2014 . Actualizado a las 13:46 h.

A tradicional Festa do Río, realizada no entorno do muíño de Pedroso o pasado domingo, foi o escenario elixido polo alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco (Ferrol, 1952), para anunciar a súa nova candidatura ás municipais de 2015, ademais de dar a coñecer o nome das vintecatro persoas que integrarán a lista do partido nos comicios. Coa vista posta xa na precampaña, Blanco fixo balance dos seus anos de mandato e comentou os aspectos que a cidade precisa seguir mellorando.

- O pasado domingo presentou en Pedroso a súa lista para as eleccións municipais de 2015, ¿cómo afronta esta nova candidatura?

-A verdade e que as circunstancias non son as idóneas, xa que tanto o país como Galicia se encontran inmersos nunha profunda crise da que Narón non é allea. A pesar diso a nosa cidade segue medrando, tanto no emprego coma na poboación, xa que se prevé que nesta semana ou na próxima academos o habitante número 40.000. Queremos que esta nova lexislatura sexa de renovación, xa que é necesario un cambio. A nosa prioridade será seguir mantendo o benestar das persoas, especialmente de nenos e maiores, así como seguir avanzando nas infraestruturas, na cultura e nos deportes.

-¿Qué opina das declaracións do portavoz do PP, Miguel de Santiago, que ve este anuncio «precipitado» por realizarse con tanta antelación ós comicios?

-Cada partido decide os seus tempos e nós levamos anos facendo o mesmo. Consideramos que os veciños precisan dun tempo suficiente para saber qué persoas van a traballar por e para Narón. Nesta nova lista máis do 50% dos integrantes son menores de trinta anos, e están involucrados no traballo cidadán, requisito que consideramos indispensable.

-Como citaba anteriormente, a cidade xa está preto dos corenta mil habitantes e pese a que outros municipios seguen perdendo poboación, Narón continúa medrando neste aspecto, ¿a qué cree que se debe?

-Débese fundamentalmente aos servizos e á calidade de vida que ofrece a nosa cidade. Contamos con tres escolas infantís, máis de sesenta parques e unhas boas comunicacións. A calidade das construcións e os prezos tamén contribúen a que continúen chegando xóvenes dispostos a afincarse en Narón.

-¿Que balance fai de estos tres anos de mandato?

-A pesar da mala situación económica, Narón soubo estar á altura, medrando en todos os aspectos. Nunca houbo unha baixada nos servizos que consideramos básicos e isto foi posible gracias á nosa aposta por seguir mantendo os impostos ó nivel que marca ó IPC, ofrecendo axudas para aqueles que non poden pagalos. Ofrecemos servizos de calidade e estes teñen un custo. Non se fixeron grandes investimentos xa que non era o momento, e ademais a lei non o permitía, xa que primeiro hai que saldar a débeda.

-¿En qué aspectos cree que necesita seguir mellorando a cidade de Narón?

-Precisamos crear unha infraestrutura que permita convertir a Narón nunha auténtica cidade, xa que posúe moitas zonas independentes e é preciso acadar unha conexión dos barrios. Tamén queremos apostar por levar a cabo unha recuperación da ría, rehabilitar os paseos e crear e manter os parques infantís. Temos a sorte de ter xa unha gran infraestrutura de servizos culturais, deportivos e de ocio, pero sempre hai que seguir mellorando.

-¿Que avances hai en canto a Aldea Nova e a gardería de Xuvia?

-Aldea Nova estaba pendente de firmar o acordo xa que o empresario que se encargará da súa xestión se atopaba de viaxe, pero o día 24 deste mes está previsto que sexa firmado. En canto á gardería, esta atópase en período de exposición á espera de ofertas, pero se non xorde ningún imprevisto prevese que poida iniciar o seu funcionamento entre os días 10 e 15 de outubro. Do mesmo xeito teño a confianza de que moi pronto se firme o convenio para o novo centro de

-¿Existe realmente unha relación tensa co Concello de Ferrol?

-A relación con Ferrol segue a ser complicada. Nós poñemos da nosa parte, pero cando non hay vontade pola outra banda de chegar a un acordo, as cousas non se conseguen. Nós intentamos negociar antes dos acordos tanto o tema do saneamento coma o dos bombeiros pero non serviu de nada. É lamentable ter que chegar ao contencioso, pero temos que defender os intereses dos nosos veciños. Queremos pagar o que nos corresponda, pero con datos analizados e non impostos.