O tren Ferrol-Betanzos

POR SIRO

FERROL

Siro

27 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

De neno era feliz cando podía ir en tren, aínda que só fose a Pontedeume. Gustábame a estación coa xente despedíndose e recibíndose; o xefe, uniformado, advertindo aos pasaxeiros da inminente saída do tren con tres asubíos no silbato, e ordenándoa cun máis longo e a baixada da bandeira ou do farol, segundo fose día ou noite; o gardagullas facendo o cambio de vías; os maquinistas e fogoneiros coas caras negras de tisne; as locomotoras, entre nubes de fume e vapor, ceibando chiringazos de auga fervendo polos purgadores? Gustábame o traxín dos viaxeiros que ían e viñan, e dos mandadeiros e mandadeiras coas maletas. Na estación todo era vida e, mesmo cando nos andéns non había trens, daba a impresión de que estaban a punto de chegar.

A primeira pedra daquela estación púxose o 6 de setembro de 1900, en presenza da raíña rexente Maria Cristina e do futuro rei Afonso XIII. Doce anos despois, coas obras sen rematar, inaugurábase provisionalmente para recibir os trens da comitiva real que viña á botadura do acorazado España.

A liña do ferrocarril Ferrol-Betanzos ten dúas peculiaridades: foi a primeira construída polo Estado, e a de execución máis lenta. Malia os manifestos dos concellos de Ferrol, Betanzos e Pontedeume; as moitas instancias aos ministros de Fomento, e o interese de personalidades como Saavedra Meneses, os marqueses de San Sadurniño e de Figueroa, Montero Ríos, Luciano Puga, Maximiliano Linares Rivas, ou José Canalejas, dende que en 1853 se presentou o proxecto ata que se inaugurou a liña, en 1913, pasaron 60 anos. As moitas vicisitudes da obra están espléndidamente explicadas en traballos de estudiosos como Guillermo Llorca, Alfredo Erias, Del Río Rey ou Gutiérrez Morán, pero eu quero comentar un par de cuestións á marxe.

A primeira é o enorme troco que as obras produciron na vida dos veciños de Ferrolterra. A liña Ferrol-Betanzos, de só 43 quilómetros, pasa por once pontes e catro túneles; o que, en parte, explica a demora. Cando empezou a construirse, en febreiro de 1899, deu traballo a tanta xente, que viñeron enxeñeiros, mestres de obras, capataces, dinamiteiros, barrenadores, e picapedreiros de toda España e Portugal; ademais boa parte dos labregos de Bezoucos deixaron a terra para ir á vía, e, o máis importante, tamén as mulleres, deica entón adicadas aos labores do campo e da casa, traballaron transportando terra en paxes e sacos.

A pequena escala, Bezoucos reproduciu o bo e o malo que vimos en tantas películas sobre a chegada do ferrocarril a California. Creouse riqueza e xurdiron pousadas, tendas de alimentación, tabernas e salóns de baile; pero tamén liortas e violencia. Houbo noivados e matrimonios, pero non faltaron agresións, como a que sufriu Flora, unha rapaza de catorce anos, tía do meu amigo Sindo, cando, rematada a xornada, volvía a casa e saíronlle ao paso dous desalmados. Flora era brava e a un fendeulle a cabeza cun pao de carballo que sempre levaba como protección, e ao outro traboulle na man e arrincoulle un dedo. A conflictividade foi tal que en Limodre funcionou un xuzgado, que desapareceu ao rematar as obras.

A outra cuestión a comentar é a insólita unión que a demanda do tren Ferrol-Betanzos ocasionou nos ferroláns. Un ano despois da botadura do acorazado España, o 7 de maio de 1913, tiña que botarse o Alfonso XIII, coa presenza dos reis e do goberno. Agromou, entón, un movemento popular no que, por primeira vez -e coido que por última- o comercio e os sindicatos obreiros, que ameazaran con boicotear os actos da botadura se non se producía a inauguración da liña, participaron xuntos en mitins e manifestacións.

Da explotación da liña encargouse provisionalmente a Compañía del Norte, pero o día 5 inaugurouse con música do mestre Baudot, quen, coa banda de Infantería de Mariña, interpretou El tren de la alegría.

siro@siroartista.com