Cadros

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

24 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cadro 1. Camiño neste mediado xullo por unha rúa da cidade, con persoas que van e veñen cos seus recados e preocupacións cotiáns, enredándose en ledas conversas de esquina. Hai quen lle fala aos pequenos, que aproveitan o tempo clemente para asomar as dedas polas sandalias abertas; nas portas de comercios saen ou entran clientes, o tráfico, escaso, deixa pasar aos pións nos pasos marcados. Eu resolvo as miñas pequenas obrigas e sento a tomar un café nun local que ten uns periódicos si e algún non. O aroma do café tráeme arrecendos de Táboas e de Amador e a cidade semellaría normal de non ser polos negocios baleiros, os carteis de nos cambiamos a..., o deterioro visible e as ausencias latentes.

Cadro 2. Á metade da taza, a cafeína lémbrame a cidade que vivín na primeira trintena da miña vida. Urbe puxante si, a terceira de Galicia en habitantes e movemento económico, pero onde aínda quedaban orfanatos e apenas coñecía o seu primeiro hospital público. Onde había traballos si, pero moitos en penosas condicións, das que a asbestose é actual testemuña. Unha ría produtiva en vida mariña si, mais afogada en cemento e na contaminación de industrias e unha depuradora que non funciona.

Cadro 3. A cidade é fermosa, pequena e cómoda. Ferrol e Narón están ben organizadas como partes da mesma conurbación que son. O transporte público mellorou ao vello tranvía, paliando a mala planificación de finais do s.XX. O Bertón, unido a Caranza, xa está poboado, como Canido e os terreos do vello cuartel Sánchez Aguilera. Na Magdalena quedan casas por restaurar, pero moitas parellas novas ocupan remozadas vivendas con ascensor... Palabra, era so café e esperanza. Fagámolo posible, por caridade.