Milladoiro: «O que se viviu en Galicia coa música tradicional foi algo irreal»

FERROL

MIGUEL VILLAR
MIGUEL VILLAR

18 jul 2014 . Actualizado a las 13:54 h.

Había sete anos que Milladoiro non figuraba no cartel de Ortigueira. «Cumpre dosificarse», bromean Xosé Ferreirós, Nando Casal e Moncho García, os tres membros fundadores que aínda permanecen no grupo e que quixeron nesta esta entrevista falar como unha única voz.

-Regresan a Ortigueira, que supón para vostedes este festival?

-Sempre é fermoso. Os primeiros anos do festival coincidiron cos do grupo e houbo unha simbiose perfecta. Eran aínda anos moi difíciles para a música tradicional en Galicia e tiñamos que apoiarnos uns a outros. Nós prestabámoslle o noso equipo de son ao festival, aos artistas aloxábannos en casas particulares e as comidas eran tipo rancho no colexio. Era voluntarismo puro. Pero foi moi importante crear esa comunidade.

-Levan dende o 2008 sen editar un disco. A que é debido?

-Nós nunca fomos un grupo moi dado a cumprir cos deberes discográficos, pero é que hoxe en día gravar un disco non é sinal de nada. Se tes algo que ofrecer e cres que iso debe quedar plasmado, entón é cando debes facelo. Nós non o descartamos, pero neste momento o grupo polo que sigue activo é por facer concertos en directo.

-De todos os xeitos, si que hai un proxecto por aí...

-Si, estamos traballando nun proxecto de revisitar parte do repertorio de Milladoiro cun acompañamento sinfónico. En 1993 xa gravamos un disco coa English Chamber Orquestra, pero agora queremos facelo cunha formación netamente galega como é a Orquesta Gaos para poñer en valor o grao de normalización ao que chegou a música no noso país. En principio o proxecto está pensado para presentalo en directo, pero se ao final estamos contentos co resultado que dúbida cabe que nos gustaría deixalo gravado.

-Hai apenas cinco anos falabamos do boom do folk galego e hoxe semella que vivimos unha regresión. Realmente, en que momento estamos?

-Desinflouse o suflé. A realidade e a apariencia da realidade eran dúas cousas moi distintas. Galicia no é capaz por si soa de manter unha situación como a que se viviu na música folk na pasada década. E ao non ter a maior parte dos grupos presenza fóra de Galicia o mercado comeuse a si mesmo. Pero ao mellor nin a situación de agora é tan mala nin a de antes era tan boa.

-Tratouse logo dun boom, digamos, subvencionado?

-Totalmente. Nós xa dixemos antes de que chegase a crise que o día que as caixas e a Consellería de turno pechasen o grifo a música galega ía para o carallo. Porque, por exemplo, nas festas gusta que vaia Milladoiro. Pero ese concerto ten que ser subvencionado e a comisión tenlle que saír gratis. Os cartos son só pala pagar as verbenas.

-Recuperarase o terreo perdido?

-Recuperarase algo pero non todo. Pero é que era algo irreal. Nós saíamos por aí fóra, viamos o que estaba pasando e o que non era normal era o de aquí.

-Ata onde chegará Milladoiro?

-Mentres sigamos sentindo a felicidade que sentimos cada vez que nos contratan un concerto e mentres o público nos despida con varios minutos de aplausos, aí estaremos.