Seivane e Riobó tocarán no 35 Festival Irmandiño de Moeche

A.F.C. MOECHE / LA VOZ

FERROL

Na roda participaron afeccionados de Moeche, San Sadurniño, As Somozas, As Pontes ou Ferrol.
Na roda participaron afeccionados de Moeche, San Sadurniño, As Somozas, As Pontes ou Ferrol. josé pardo< / span>

A organización premiou con sachos aos mellores da roda ciclocultural de onte, con 19 parellas

14 jul 2014 . Actualizado a las 13:10 h.

O Festival Irmandiño de Moeche cumpre 35 anos e quere celebralo ao grande. A gaiteira Susana Seivane, Riobó -o grupo liderado por Begoña Riobó, considerada a mellor violinista da música celta galega-, A Requinta da Laxeira -unha formación de música tradicional dedicada a recuperar a requinta, un instrumento típico da zona da Ulla- e a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón subirán ao escenario na noite do sábado 23 de agosto.

O cartel musical do venres, a primeira xornada, conta cos ponteses No Cómbaro, que darán un concerto antes da repichoca popular. E como preludio á festa, Isabel Risco ofrecerá unha sesión de monólogos. O 23 arrincará cunha xornada de portas abertas ao Castelo de Moeche, onde se poderán ver exposiciones e participar en distintas actividades. E pasadas as cinco da tarde botará a andar o primeiro Asalto Infantil ao castelo. «Faranse dous bandos, un de defensa e outro de avanzada, con bandeiras reivindicativas e globos de auga... para rirse e pasalo ben», explicou onte María José Painceiras, presidenta da Asociación Cultural Irmandiños de Moeche, encargada de organizar o festival, que este ano conta co apoio económico do Concello (6.000 euros) e a Deputación (4.000), ademais da colaboración de EuroEume.

Tralo asalto protagonizado polos pequenos iniciaranse os xogos tradicionais, co tronzón ou o lanzamento de pacas de herba seca (proba que require máis técnica que forza, según aclaran os promotores). Despois virán os concertos e á medianoite, o pregón, a cargo do xornalista ferrolán Germán Castro, que dará paso ao Asalto ao Castelo, co que se rememoran cada ano en Moeche as Revoltas Irmandiñas.

O ambiente de festa xa se viviu onte nas inmediacións da fortaleza, coa cuarta Roda Irmandiña, unha ruta ciclocultural na que participaron 19 parellas, máis ca nunca, desde os oito ata os 80 anos. No percorrido sometéronse a varias probas: un test sobre a historia do municipio, coller coa boca mazás metidas en auga ou un puzle. E os primeiros en chegar á meta foron agasallados con sachos co logotipo desta singular competición. Painceiras agradece e eloxia a implicación e o traballo de todos os voluntarios que fan posible o Festival Irmandiño.