Furtivismo e saúde

Xan Rguez. Silvar EN POSITIVO

FERROL

16 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cada marea baixa destaca a presencia de decenas de figuras chantadas nos esteiros, dobradas pola metade cun pequeno sacho na man e unha bolsa de rede ao lado das botas verdes.

Vanse movendo entre a lama extraendo ilegalmente as ameixas dos bancos marisqueiros da ría ata rematar a faena.

Achéganse entón á ribeira, miran aos lados de esguello e saen a terra. Algún, incluso, lava as botas e aparellos na mesma fonte pública que usan paseantes e deportistas do paseo marítimo. Son «os furtivos», homes e mulleres que desbordan os servizos de vixilancia de confrarías e autoridades, en especial nas épocas de crise, nas que conseguir traballo é unha entelequia.

Á parte do dano aos mariscadores legais, o marisco contaminado que extraen pode ir a autoconsumo, a particulares ignorantes do perigo e, temo, algún que outro hostaleiro. As ameixas, vieiras e demais bivalvos deben depurarse para liberalos da carga de bacterias, toxinas e metais pesados que acumulan ao filtrar as augas para obter o seu alimento.

Son un perigo para a saúde cando non se tratan por depuración. A garantía para o consumidor é mercar as bolsas precintadas, tal como saen das depuradoras pero, como sabe o cliente de hostalería que o establecemento cumpre as normas?

Urxe un sistema de inspección sanitaria como o que erradicou a troita de río dos pratos; actuar na comercialización é a única garantía para a saúde.