A pirotecnia de Maniños

POR SIRO

FERROL

siro

20 abr 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Antonio nacera nunha familia labrega de San Martiño do Porto, pero non lle gustaba o arado; en troques, dende neno, debecía por ir co tío, o fogueteiro de Cabanas, e axudarlle a facer os fogos. Con el aprendeu a andar coa pólvora, e, anos despois, cando coñeceu a María Antonia, unha moza de Maniños, e casaron, pediulle ao sogro o baixo da casa familiar para facer un pequeno taller de pirotecnia, no que traballaron el e a muller. Nacían o século XX e a Pirotecnia de Maniños.

Os encargos chegaban e o baixo resultaba pequeno, polo que primeiro construíron un taller de madeira perto da casa, e despois, cando o aumento da produción obrigou a levar o taller lonxe das vivendas, fixeron dous á beira do río Baa. Medraba a fábrica e medraba a familia. Sete fillos -tres homes e catro mulleres- foron incorporándose á empresa, pero a tise levou catro en pouco tempo. A finais dos anos vinte a empresa formábana o matrimonio e os fillos Paco, Juanita e Francisca.

Hai historias que se repiten, e esta é unha.

Un veciño de Caldas de Reis montara unha fábrica de gaseosas, que ía ben; pero o fillo Samuel non gustaba daquel traballo e toleaba por ir co tío, fogueteiro de sona, a quen de toda Galicia -tamén da Pirotecnia de Maniños- encargaban os fogos acuáticos. Con el Samuel aprendeu moi ben o oficio, e un día que colleu a moto do tío e foi con ela por un arribón, presentouse en Maniños pedindo traballo. Ademais de bo pirotécnico, Samuel era un mozo ledo e divertido, que cantaba con excelente voz de baixo e tiña facilidade para a música. Fíxose querer en todo Maniños, casou con Francisca, a filla dos xefes, e foi gran amigo do poeta Xosé María Pérez Parallé.

Porén, o xenio da pirotecnia foi Paco, o cuñado. Aquel afiador de madeira que eu vía, de neno, en todas as festas, largando foguetes estrondosos mentres xiraba a roda; e moitos daqueles foguetes que enchían o ceo nocturno das luces máis fermosas, eran creacións súas. Foi premiado e recoñecido internacionalmente, e con el a Pirotecnia de Maniños. Ademais Paco inventou a clorosina, un composto que superaba a potencia explosiva de todos os coñecidos, e vendeullo a Explosivos Riotinto. Ese e outros inventos fixeron que a prensa da época falase del como o Von Braun español.

As relacións entre Samuel, a muller e Paco deterioráronse durante os últimos anos da República. Samuel sentíase de esquerdas, Paco era o xefe da falanxe en Maniños, e Francisca pensaba coma o irmán. Ao triunfar o Alzamento en Ferrol, a fábrica foi militarizada; por eso non se entende que Samuel deixase a fábrica e se alistase no exército franquista, a non ser que fose unha imposición do cuñado. Sen embargo Paco era boa xente; salvou vidas e deu traballo a veciños que non querían ser mobilizados e a mulleres que tiñan os homes no frente. A Pirotecnia de Maniños chegou a dar emprego a 350 persoas, que, rematada a guerra, quedaron en vinte.

Samuel volveu enfermo e, anos despois, entrou en Astano. Paco marchou a Madrid, valoradísimo polo Réxime, e interviu, como técnico, no acordo para vender o wolfran a Alemania. A fábrica quedou en mans de Francisca, que a xestionaba dende casa.

A finais do 1942, ante a urxencia dun pedido, un encargado levou a secar a pólvora ao forno duns veciños, en Corredoira. Alguén pechou a porta do forno, e a explosión causou oito mortos. Con eles desapareceu a Pirotécnica de Maniños.

siro@siroartista.com