«Todo o mundo me di que estou tola por meterme na política»

FERROL

ÁNGEL MANSO

Defende que «hai que participar» e que os mozos «deben levar as rendas»

23 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

É nova, pero precisamente por iso pensa que debe dar un paso á fronte na política. E coma tal, Saínza Ruiz Ferreño (Ferrol, 1990) será unha dos dous únicos representantes galegos na candidatura de Esquerda Unidas ás vindeiras eleccións europeas. Militante recente e responsable da área de sanidade do consello local, esta fisioterapeuta, de 23 anos, ve lonxe converterse en europarlamentaria. Pero ten claro que non quere abandonar a súa profesión pola política. «Isto o fago porque me parece necesario», defende.

-¿Que supón ter sido elixida?

-Foi un pouco imprevisto. Non o esperaba, a verdade. Agora mesmo estou ilusionada, porque penso que a xente nova ten que implicarse na política e participar nos movementos sociais e da rúa, vincularse coas plataformas, como por exemplo a da sanidade. En definitiva, participar, non quedar silenciados. Somos os principais afectados por estas políticas que estamos sufrindo e temos que levar a voz cantante. E por iso me embarquei nesta aventura.

-Con toda a que está caendo no ámbito da política, ¿quedan ganas de dar ese paso adiante?

-Si, porque hai que diferenciar. Non en todas as profesións todo o mundo é igual. E na política non poden ser todos os políticos iguais. E é a xente do común a que ten que tentar formar parte destes movementos e intentar vincularse á política para ter unha visión dende a xente do común, e non dende a política como profesión.

-¿Que lle di o seu entorno por esta entrada na política?

-Todo o mundo me di que estou medio tola por meterme na política agora mesmo coa que está caendo. E eu sempre resposto o mesmo: que a xente nova é a que ten que levar as rendas. Os que imos perder os dereitos e ver as consecuencias somos nós, os xóvenes. Hai que participar.

-¿A política aborda actualmente os problemas reais da xente?

-Non, para nada. Dende o meu punto de vista, non. Estase centrando polo interese de xente moi poderosa, que son moi poucos, e se está deixando de lado á xuventude, os intereses dos sanitarios, dos profesores, dos periodistas, dos traballadores do naval e da xente do común. Estanse facendo políticas para catro ou cinco e para grandes multinacionais.

-Se saíra elixida europarlamentaria o 25 de maio, ¿que podería aportar?

-Eu por agora iso o vexo moi lonxe. Hai que esperar, a lista aínda se está falando e hai moito por traballar.

-¿Que pode facer Europa por esta comarca?

-As eleccións europeas son moi importantes, sobre todo para comarcas como Ferrolterra. Temos moitos intereses nestas eleccións. Ten que haber unha transición, unha muda de políticas en Europa e precisamos que a xente se implique. Aquí temos o sector naval, que é estratéxico e repercute directamente no comercio, na hostelería, e en toda a actividade en Ferrolterra. E todas as decisións que se están tomando no naval están sendo en Europa. Tamén polo tema da ría e cómo mellorar a súa productividade.

-¿E en Ferrol? ¿Mellorará IU a súa representación no Concello?

-Si, nós esperamos que si, porque sempre estamos coa xente e saímos á rúa a apoiar os movementos en defensa da sanidade, a plataforma contra a reforma do aborto... Deberan aumentar, porque ao final o que quere á xente é políticas para a xente da rúa. Agardo que siga aumentado.

saínza ruiz integrante da candidatura de iu para as eleccións europeas