«As mulleres apenas aparecen como protagonistas da historia»

ana f. cuba ORTIGUEIRA / LA VOZ

FERROL

ANGEL MANSO

Recupera a figura de Teresa de Zúñiga, Condesa de Santa Marta

16 mar 2014 . Actualizado a las 15:53 h.

Os alumnos do IES de Ortigueira tiveron a ocasión de descubrir a historia de Teresa de Zúñiga, Condesa de Santa Marta de Ortigueira a finais do século XV, da man de Carlos Barros (Vigo, 1946), profesor titular de Historia Medieval e coordinador do Grupo de Investigacións Historiográficas da Universidade de Santiago de Compostela . Na conferencia, organizada polo Centro de Información á Muller, que dirixe Ana Dopico, debullou a vida e o «cruel» final desta muller, unha descoñecida.

-¿Quen foi Teresa de Zúñiga e como chegou a converterse en Condesa de Santa Marta?

-Vén dos Zúñiga de Castela, familia nobre ben relacionada nas Cortes dos reis Juan II e Enrique IV. En 1428 casa co Adiantado Maior de Galicia, Diego Pérez Sarmiento, señor de Ribadavia, que en 1442 é nomeado primeiro Conde de Santa Marta por Juan II. O novo Condado abranguía a vila [fundada como vila do Rei no século XIII] e a comarca que fora anteriormente dos Condes de Traba. Como Condesa de Santa Marta vivirá Teresa de Zúñiga entre os dous castelos das vilas de Ribadavia e Santa Marta de Ortigueira.

-¿Como reaccionou á Revolta Irmandiña?

-Primeiro apoiou a Santa Irmandade, autorizada por Enrique IV, con quen estaba a súa familia na guerra civil iniciada no ano 1465, pola rebelión da nobreza de Castela e unha parte da nobreza galega. Despois, cando os Irmandiños empezan a derrubar fortalezas, rompe con eles e faise forte en Ribadavia, de onde será expulsada pola Santa Irmandade. Exíliase en Mucientes, Valladolid. Os Irmandiños derrocan os castelos de Santa Marta e Ribadavia, e aprópianse de todas as terras da Condesa, igual que das dos restantes nobres de Galicia.

-¿Ata que punto resultou decisivo o feito de ser muller e quedar viúva no seu devir?

-Quedou viúva no ano 1465, cun fillo adolescente, Bernaldino, que herdou un Condado soamente no papel. Durante eses anos de guerra e revoltas, tanto os cabaleiros de Galicia como os vasalos revoltados da Condesa aproveitáronse da súa debilidade como muller para as artes da guerra, e da pouca idade que tiña o seu herdeiro. Non lle perdoaron a súa fortaleza de carácter para defenderse nun mundo de homes violentos. Foi o único caso dun membro da clase señorial que morreu violentamente nese periodo, traizoada polo resto da nobreza pola súa condición feminina.

-¿Como foi o seu final?

-Moi cruel. Un ano despois da Revolta Irmandiña os veciños de Ribadavia recíbena con xustificado recelo, ela chama a Pedro Madruga para poder impoñerse, pero estala unha revolta urbana e asasínana cando fuxía, o día 25 de outubro de 1470, a puñaladas e lanzadas na porta dunha igrexa, preto dos restos do seu pazo-castelo.

-¿Cre que se debería estudar a súa figura, é dabondo coñecida?

-Non é nada coñecida, se comparamos con Pardo de Cela, por exemplo. As mulleres aparecen poucas veces como protagonistas da historia, sobre todo se son vítimas: valóranse máis as raíñas. Unha educación histórica en valores ten que ser unha educación que explique como actúa a discriminación de xénero nas diferentes clases e estamentos sociais, así como a parte negativa da violencia na historia.

-¿Que espertou o seu interese por Teresa de Zúñiga?

-A revolta dos Irmandiños tivo un dos seus desencadeantes nas violacións de mulleres por parte de representantes do poder feudal. Pareceume paradoxal e inxusta a execución de Teresa de Zúñiga. Tamén é certo que tivo lugar un ano despois dos Irmandiños, que respectaron sen excepcións as vidas e as familias dos señores derrotados. Está claro que o sistema irmandiño de asembleas, alcaldes locais e provinciais e Xunta Xeral de Reino de Galicia, serviu para asegurar realmente a paz no Reino entre 1467 e 1469. Escribín A morte a lanzadas da Condesa de Santa Marta (1970): unha análise en 1996.