Manufacturas Piñón

POR SIRO

FERROL

CEDIDA

01 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Se houbo en Ferrol un empresario inquedo e emprendedor, foi Antonio Piñón Teijido, nado no 1890, nun piso da rúa María, mentres o pai tentaba facer fortuna na Habana. Resulta difícil crer que alguén poida adicarse, á vez, á industria textil, ás do cartón e da madeira, e á producción de ovos e leite; pero Antonio Piñón fíxoo, con resultados desiguais.

Empezara a traballar de dependente nos almacéns de mercería e paquetería que Emilio Junquera Devesa tiña na praza de Armas, onde está hoxe a casa queimada, e xa daquela montou nun piso da rúa Magdalena, unha fábrica pequeniña de prendas de punto para vendelas ao seu patrón, que foi tamén o seu protector.

Aos vintedous anos casou coa ferrolana Carmen Montero, de vinteún, e tiveron seis fillos. Antonio fíxose cun depósito de papel de fumar e, para atraer clientes, sorteou obxectos diversos, como unha Virxe do Carme, de tamaño natural, que, ao non aparecer o gañador, levou á casa; pero debía de impresionar aos nenos porque a regalou ao Hospicio, e hoxe está na capela do cemiterio de Catabois.

No 1922 Carme morreu por mor dun embarazo fanado, e catro anos despois Antonio casou con Balbina Losada, tía de Julia, a viúva de Segura Torrella, que foi vivir con eles e foi unha filla máis.

No 1927 Antonio Piñón tentou a sorte na industria textil en Cataluña e estableceuse en San Cugat del Vallés e despois en Barcelona, pero o ano seguinte estaba de volta en Ferrol e creaba na rúa Magdalena unha fábrica con maquinaria automática da casa Dubied, de Suiza, na que fixo xerseis, pasamontanas, gorros de punto e lepantos para a Mariña de Guerra. Da rúa Magdalena pasou, no 1931, á do Sol, onde estivera o teatro Romea; e aquí, ademais das prendas de confección, arranxou unha sección de caixas de cartón para embalaxe das prendas que fabricaba. No 36 a empresa foi militarizada e produciu macutos, camisas e roupa interior para o exército. No 40 rematou unha gran nave na rúa Rubalcava, á que trasladou a fábrica, con máis maquinaria, e ampliou a actividade empresarial cunha carpintería, na que vendeu taboeiros TAFISA, e fixo portas, ventás e mobles para casas, e butacas para cines. Foi a gran época de Manufacturas Piñón, especializada na fabricación de roupas para a Mariña e o Exército; pero que facía tamén toallas para El Corte Inglés, Galerías Preciados, Paradores e Iberia. Unha gran empresa que durante moito tempo deu traballo na cidade a máis de douscentos homes e mulleres.

No 1950 Antonio Piñón mercou a finca chamada O Prioral, no antigo Priorato da Graña, e converteuna en granxa de galiñas poñedoras, de raza Leghorn. Chegou a ter 5000 e unha máquina que clasificaba os ovos polo peso. Cando houbo problemas coa peste, criou polos; despois puxo unha leiteiría con vacas holandesas e un semental, e chegou a recibir un premio como granxeiro exemplar.

Morreu no 1963, aos 72 anos, dunha trombose cerebral. Dez despois, Manufacturas Piñón entraba en crise pola competencia portuguesa, que fabricaba as toallas máis baratas, a demora no pago de facturas nas empresas públicas, e a imposiblidade de renovar a maquinaria.

Algún neto que non soubo chamarlle «papá abuelo» chamoulle «papalilo», e Antonio Piñón pasou a ser Papalilo para todos. Un deles, Ricardo, morto no 2003, preocupouse de recoller a súa biografía, e a el débolle eu boa parte deste artigo.

siro@siroartista.com