Dous profesores

POR SIRO

FERROL

11 nov 2012 . Actualizado a las 06:59 h.

Cando no ano 1962 cheguei á Oficina Técnica de Maquinaria, en Bazán, os compañeiros máis veteranos aínda falaban eloxiosamente de Carlos Beceiro, un deliñante con responsabilidades de mando, que había tempo marchara a Madrid, para traballar en Xerencia. Moito despois oinlle falar a Xesús Alonso Montero do profesor Carlos Beceiro Rodriguez, catedrático do Instituto Zorrilla, de Valladolid, un dos grandes especialistas na obra de Antonio Machado, e ata lin o libro Antonio Machado, poeta de Castilla, da súa autoría, sen imaxinar que o Carlos Beceiro deliñante e o catedrático de literatura eran a mesma persoa. Foi Miguel Carlos Vidal quen mo deu a saber, recentemente.

Carlos Beceiro coñeceu a Manolita Pita Andrade, unha rapaza coruñesa que viña con frecuencia á casa das tías en Xoane, onde a sorprendeu o Alzamento e quedou tempo abondo para que entre os dous agromase unha relación amorosa que culminaría no matrimonio. Manolita estudiaba Filosofía e Letras en Compostela, e Carlos Beceiro decidiu licenciarse tamén, mentres exercía de deliñante. Non marchou a Xerencia para medrar profesionalmente en Madrid, senón para facer o doutorado.

Durante varios anos o matrimonio deu clases en institutos de varias cidades, sen coincidir en ningunha. Do 56 ao 65 Beceiro estivo en Soria e afondou na obra de Machado, ata se convertir en referente obrigado dos estudiosos da segunda etapa do poeta, coa paisaxe como protagonista. Por fin a parella chegou ao instituto mixto de Valladolid, onde os dous deixaron gratísimo recordo como docentes e como animadores culturais.

Carlos Beceiro morreu no 2003, con 81 anos, e Manolita no 2011, con 93.

Cando en Ferrol falamos dun matemático, todos pensamos en Honorato, o propietario e director da Academia Jorge Juan, que preparou a centos de mozos para o ingreso na Mariña de Guerra e na Mercante, e que aínda hoxe, con 90 anos, xoga polas noites co cálculo infinitesimal e resolve problemas de enxeñería coa fórmula do prismatoide. Pero ferrolán e gran matemático foi tamén José Ramón Caruncho Castro, fillo do señor Caruncho, o xefe da imprenta de Bazán, que se licenciou en Compostela e rematou a súa vida de docente na Universidade de Murcia.

José Ramón Caruncho foi un home especial: baixiño, timidísimo, solitario, alleo a calquera formalismo ou ambición, ata o punto de non plantexarse sequera facer oposicións a cátedras, porque lle preocupaba máis saber e saber facer que ser; pero profundo coñecedor de moitas outras materias, como a literatura clásica, a filosofía, o cine ou a ópera.

De Santiago marchou a Madrid para dar clases na Autónoma e participar como experto na edición dos libros Anzola Caruncho, de matemáticas. Despois, no 1981, chegou á Universidade de Murcia, onde foi titular de Álxebra, e se converteu no profesor máis querido e valorado polos alumnos e compañeiros de Facultade, que o recoñecen como o mellor docente e mestre.

Hai tempo houbera que facerlle un trasplante de figado, e ao cumprir 65 anos, a pouca saúde obrigouno a xubilarse. A Universidade fíxolle unha homenaxe, e Caruncho presentouse con camiseta de manga corta e cor verde pistacho, pero a ninguén lle estrañou. Morreu pouco despois, en abril deste ano. Deixaba numerosos libros que levan anos utilizándose en universidades de toda España.