ferrol, ferrol, ferrol onde eu nacín

Máis sobre o humor en Ferrol

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Se hai algo que nos diferencie aos galegos dos outros españoles é o noso sentido do humor e a nosa vivencia do humor. Non somos conscientes de que vivimos permanentemente en clave do humor, como non o somos de que falamos con sete vocais, pero facémolo. Eu teño amigos como Antonio Ruibal Caruso, Xosé Leira Cheroque, Guillermo Llorca e moitos outros, que, ao atopármonos na rúa, non podemos empezar a conversar sen unha broma previa. Logo falaremos en serio todo o que teñamos que falar, pero ao despedírmonos volven imporse a broma e a risa.

A peculiaridade máis importante do humor galego é a retranca, un enxeñoso artificio intelectual, de carácter defensivo, que nos permite saír airosos dunha situación comprometida. A retranca ten orixe rural, pero impúxose nas cidades co éxodo das familias labregas. Como a daquela veciña de Esteiro que deu a máis perfecta lección do que é a retranca galega, cando lle foron pedir para as festas, e respondeu: «Como vostedes xa viñeron outros, e tampouco levaron nada, que non se lles pode dar a todos».

Pero o humor en Ferrol, ademais de nutrirse con tan valioso aporte rural, afortalouse na convivencia de milleiros de persoas en talleres e oficinas, e, sobre todo, nos mostradores das tabernas co estímulo do viño que solta o taravelo e agudiza o enxeño.

En Bazán non só se fan barcos con casco de aceiro, senón tamén incontabeis destructores e dragaminas humorísticos que atacan con gargalladas as falacias dos distintos gobernos. E como Bazán, tamén as outras empresas da cidade produciron retranca, ironía, sátira e comicidade. Din que a Franco lle facían gracia os chistes que se contaban del; se é así, riría con moitos creados no seu Ferrol.

Non creo que os ferroláns teñamos un humor diferente do que se dá en toda Galicia, pero é verdade que aquí practicamos con éxito o humor absurdo ou surrealista, que non é nada doado, por certo. Exemplo de humor absurdo é a viñeta publicada nos anos coarenta por Tono, cofundador con Mihura de La codorniz, na que dous homes manteñen o diálogo seguinte:

«¿Cómo se llama usted?»

«León». «¡Caramba, pues tiene nombre de tigre!»

Pois igual de surrealista me parece a frase Me pica el culo, mañana hay fanecas, creada en Ferrol e que seguimos dicindo os vellos ferroláns. Por certo que algún ferrolán ou algún rapaz que veu facer a mili a Ferrol levouna a Gaucín, un pobo da serra de Albarracín, en Málaga; pero como alí non coñecen as fanecas, din: Me pica el culo, mañana hay jureles.

Este humor surrealista aparece tamén nunha vella e coñecida canción popular, que non deberiamos perder porque é unha sátira política do máis elegante que coñezo e sempre estará vixente na crítica municipal. Di así:

Al entrar en las calles de Ferrol

venimos todos juntos, en tropel;

mas viendo la limpieza que hay en él se nos figura estar allá, en el sol. Señores concejales

que vais a la alcaldía,

trabajáis noche y día

por nuestra población

Nosotros, que vivimos

en un pueblo bendito,

nosotros con el pito,

¡piriví, piriví, piriví!

Pregúntome cantos lectores a cantaron mentres a lían. Seguro que moitos.

siro@siroartista.com

Saber más...