As camisas con colo amidonado, que tanto traballo daban ás nais, ao planchalas, e tanto nos torturaban aos nenos, ao poñelas. Tamén se amidonaban as camisas dos maiores, pero as boas levaban baleas de plástico para que as puntas do colo non repichasen. O amidón mercábase en po nas tendas e facíase con auga na casa, porque o consumo era elevado, que se lle poñía ao embozo das sabas bordadas e ás enaguas. Despois chegaron os colos postizos para camisas e uniformes dos colexios, e había quen llos levaba a amidonar a Lola, a sogra de Mario Villamil, que vivía na avenida de Vigo, e facía virguerías.
Os calzoncillos marianos, de corpo enteiro, de felpa, como os que usaban meu pai en Ferrol, e John Wayne, Robert Mitchum ou Clint Eastwood no salvaxe oeste. A única diferencia entre os marianos dos heroes do western e os de meu pai, estaba en que os deles levaban atrás unha trapela con dous botóns para facilitar o paso polo excusado, e os de meu pai, non.
Xa non quedan fumadores de petaca, picadura, papel e chisqueiro de mecha. E se queda algún, haino que levar a un museo etnográfico coa publicidade das tabaqueiras americanas, que proclamaban na primeira metade do século pasado que fumar, ademais de ser un pracer xenial e sensual, como dicía Sarita Montiel, podía ser boísimo para a saúde mental,
Tampouco quedan homes con dentes de ouro. Digo homes porque as mulleres preferían facer ostentación de riqueza co ouro nas xoias, pero os homes non. Os homes podían levar sortixón de ouro, reloxo de ouro, leontina de ouro?, pero o toque de riqueza dábano os dentes de ouro. E digo dentes en plural, porque un dente de ouro era cousa de macarras e de rufiáns, como Pedro Navaja, que usa sombrero de ala ancha de medio lao/ y zapatillas por si hay problemas salir volao,/ lentes oscuros pa que no sepan que está mirando/ y un diente de oro que cuando ríe se ve brillando.
Os ricos levaban varios dentes de ouro, ou todos; que algún indiano dos arredores de Ferrol arrincou a dentamia enteira e púxoa de ouro para lucila sen ter que rir torto.
Tampouco hai xa o espectáculo das mulleres en bata de casa, e con rulos, pola rúa. Xuro que as teño visto, pero, para non ferir sensibilidades, retiro o dos rulos. ¿Alguén pode explicar por que as batas de casa, que, como o seu nome indica, son para estar en casa, se sacaban á rúa? Din que foran as cartageneras casadas con mariños ferroláns as primeiras en cometer tal atentado contra a estética, pero as mulleres que eu vía en Esteiro, a comezos dos sesenta, inxenuamente fachendosas coaquelas batas longas ata os pés, de cores rosas, malvas ou azúes, eran ferrolás de pura cepa. Podo estar trabucado, pero coido que as batas de casa se sacaban á rúa para lucilas; porque eran, coas primeiras estufas de butano e mantas eléctricas, algunhas das novidades dun despegue económico, que puxo fin a tantos anos de miseria na postguerra. A estufa de butano e a manta eléctrica non podían levarse á rúa, pero a bata de casa si, e levouse.
Eran anos en que Alberto Ullastres, o ministro autor do exitoso Plan Nacional de Estabilización Económica, se laiaba de que os españoles perdesemos a humildade alimentaria, e comesemos menos garavanzos e xureliños. Certo; empezabamos a saborear a merluza e o rape, e a gozar da estufa de butano, da manta eléctrica e da bata de casa.
sirolopezlorenzo@yahoo.es