«A xente dinos que puxemos a San Sadurniño no mapa»

B. Antón FERROL

FERROL

RESPONSABLE DA SALA DZINE

07 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Fai tres anos, Iván Sanjurjo (San Sadurniño, 1979) e o seu curmán Simón cumpliron un soño. Nunha vila de apenas 3.000 habitantes, abriron unha sala que non só conseguiu arrastrar ata o seu escenario a algunhas das bandas máis efervescentes do país, senón que fixo que o seu nome correse de boca en boca polo mundillo musical. «A xente dinos que puxemos a San Sadurniño no mapa», din Iván cheo de orgullo. Para sorpresa de moitos, a sala pechará as súas portas o próximo 23 de xuño. -Trátase dunha decisión moi meditada. Sería moi longo de explicar, pero digamos que chegou o momento de pechar DZine e abrir as portas de novos proxectos e novas ilusións. É mellor deixar a sala agora, que está arriba, que facelo nun momento de decadencia. Cumprimos un ciclo e agora temos que evolucionar. -Fala de novos proxectos. ¿Podería adiantarnos algo deles? -O proxecto número un é que seguiremos traballando por San Sadurniño e por promocionar a música. Talvez como asociación cultural ou talvez doutro xeito. Aínda non o sei. Iso é algo que todos os do equipo (en DZine están involucradas unhas dez persoas) teremos que meditar este verán. -Din os entendidos que pola súa sala pasaron bandas moi boas. -Do panorama galego, pasaron todas as que están na brecha, como Quempallou, Lamatumbá, Bonovo, Potemkin, Los fabulosos Cubatas... E de fóra, viñeron Alberto Pérez (aquel que puxo voz ao disco La Mandrágora xunto a Sabina y Javier Krahe) ou Los Petersellers. Tamén tivemos moita conexión con Barcelona, con grupos como Che Sudaka ou Kinky Beat. -¿E cal é o segredo para conseguir atraer a todas esas bandas? -Non son o indicado para dicilo, pero creo que tratalas ben e darlles facilidades. Non todo é o diñeiro. -¿Que lle diría aos asiduos de DZine como despedida despois de tantos concertos? -Ante todo, grazas... ¡E que aínda queda moita festa! DZine pecha, pero o seu espírito segue vivo.