«¿Quen pagará a factura social?»

EXTRA VOZ

Álvaro Ballesteros

03 may 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

Os expertos en demografía son quenes viven con máis inquedanza a falta de descendentes polos que berra Galicia. Sen cativos o relevo é imposible. Carlos Ferrás Sexto, profesor de Xeografía Humana na USC, pide visión de futuro nas políticas de natalidade, máis preocupadas polo resultado electoral inmediato. 

-Ten remedio Galicia?  

-¿Corremos o risco de converternos nun gran xeriátrico e, sen fillos nin fillas, ¿Quen vai pagar as pensións e a factura social?

-¿Cal é a mellor política de natalidade?

-¿Galicia necesita ser un lugar atractivo para vivir, onde existan oportunidades e un mercado de traballo. Temos que afrontar que a crise demográfica  e a escasa fecundidade non son un mero problema das mulleres. Xa non somos unha sociedade rural, atrasada, de nais dedicadas ao fogar e familias extensas. Na escala de valores e prioridades individuais e colectivas criar aos fillos pasa a estar supeditado aos progresos na carreira profesional. Ademais, non podemos esquecer que a idade promedio de estabilización laboral para os mozos supera xa os 35 anos. Emancípanse tarde e tamén forman novas familias máis tarde. 

-¿É un problema exclusivo de Galicia?

-Non, pero tamén é certo que nos países do norte de Europa, os de maior índice de desenvolvemento humano segundo Nacións Unidas, a natalidade é maior.  En Suecia ou Dinamarca, mesmo en Reino Unido ou Francia, as mulleres cun fillo único soen ser a excepción e teñen fecundidades próximas aos 2,1 fillos por muller, é dicir, están cerca de conseguir o reemplazo xeracional. (En Galicia temos 1,04 de media). 

-¿A esperanza pode estar na ciencia?

-A diversidade e pluralidade das novas familias monoparentais, por exemplo, xa nos sinala que o concepto de nai non está exclusivamente asociado á fecundidade biolóxica. As técnicas de reprodución asistida, os ventres de aluguer, as adopcións ou a  conxelación de óvulos poden ser unha alternativa, pero sempre serán casos excepcionais. Ademais, queda aberto o debate de quen pode financialos. 

-¿Pensan a longo prazo os políticos?

-Non, definitivamente non o fan. Non se pode considerar a política demográfica cunha visión corporativa a curto prazo e pensando nos plebiscitos e votos a conseguir cada catro anos. Estamos a sufrir as consecuencias da nosa historia, da forte emigración no pasado e, máis recentemente, das políticas que se centraron no desenvolvemento de infraestructuras por riba do social e cultural. Nun  mercado de traballo moi competitivo, escaso e insuficiente, ademáis de pouco dinámico, con salarios ínfimos e xornadas de traballo interminables, ser nai tórnase demasiado complexo.  Necesitamos centrar as prioridades do investimento do capital público na protección da infancia, nas políticas en favor das mulleres, no apoio sostido á crianza e na conciliación familiar e laboral. Debemos esquecernos da cultura do ladrillo e o asfalto e centrarnos na cualificación dos recursos humanos.

-¿Que futuro nos espera?

-Un pobo sen descendencia é un pobo sen futuro, conservador e ancorado no pasado. ¿Ata cando? Para afrontar o desafío demográfico os galegos e galegas temos que respostar preguntas do tipo: ¿De que queremos vivir? ¿Que queremos ser? ¿Que podemos producir? ¿Con que recursos contamos? Necesitamos un plan estratéxico que asegure o futuro do país.