«Xamais haberá unha grande fronte de esquerdas con Podemos»

Alfonso Andrade Lago
alfonso andrade BARCELONA / ENVIADO ESPECIAL

ESPAÑA

O profesor Raimundo Viejo, diante do mercado barcelonés de Sant Antoni, onde o entrevistou La Voz de Galicia.
O profesor Raimundo Viejo, diante do mercado barcelonés de Sant Antoni, onde o entrevistou La Voz de Galicia. paco rodríguez< / span>

Sostén que o movemento tenta dar un novo significado á palabra España

08 jun 2014 . Actualizado a las 11:58 h.

Pablo Iglesias, líder de Podemos, non é un friki. É a cabeza visible «dun proxecto moi pensado, froito dunha reacción dos mestres universitarios españois, indignados pola súa precariedade. Así o entende o vigués Raimundo Viejo Viñas (1969), profesor de Dereito e Ciencias Políticas na Universidade de Xirona, politólogo, ideólogo e amigo de Iglesias. A estratexia de Podemos baséase nas teorías de Ernesto Laclau, coas que busca «un novo e rompedor significado de termos como España, patria ou nación». Pese á «estreita relación», os fins dun e outro son diferentes: «Pablo quere conquistar o poder, eu non», sostén.

-Non hai político que non ataque ao líder de Podemos.

-Hai un resentimento tremendo cun tipo que ten máis deputados que meses de existencia política. E que é brutal. Os politólogos normalmente non nos metemos en política porque está moi mal visto. Pero o réxime ten tensado tanto a corda da precariedade que chega un día en que aparécenche tres expertos, Rejón, Monedero e Iglesias, e dinche: «Ata aquí chegamos. Ides ver. Ímosvos facer unha campaña que non vistes na vida. Imos activar todos os recursos discursivos que sabemos que funcionan para poñervos contra a parede». E isto é só o principio. Non sei como temos aguantado tanto tempo a esta panda de incompetentes. A min, noutra universidade catalá baixáranme un 68 % o soldo nun ano. E o irónico disto é que cunha praza de catedrático e dous postos fixos na universidade, Podemos non existiría.

-¿Hasta onde vai chegar?

-Ten límites institucionais e desbordamentos populares. Entre os primeiros, a lei electoral, porque é complicadísimo conseguir un deputado por Huesca. En canto aos segundos, pensabamos que acadara o tope nas redes con 190.000 me gusta no Facebook, duplicando ao PP, pero pasou nunha semana a medio millón.

-¿Cales son os resortes técnicos que tocou Pablo Iglesias?

-A lóxica de Podemos é a de Ernesto Laclau, a teoría do significante flotante ou baleiro. A política basease en palabras que, porque non significan nada, poden querer dicir calquera cousa: nación, España, Cataluña... Pero ordenan o campo político. Por exemplo, Franco deulle a España unha significación concreta, con Lola Flores, Manolo Escobar..., cando antes era Alberti, Lorca, o surrealismo... O que está a facer Pablo é darlle outra volta. Para iso utiliza a disonancia cognitiva, que é un impacto, unha puñada. Por exemplo, cando di que é español. De feito, canto máis á esquerda, máis abominan de Iglesias. Chámanlle traidor e populista, porque IU sabe que non pode chegar aí. ¿Cando foi a última vez que un político de esquerdas dixo con orgullo que é español? O significante de España está baleiro, a cuestión é como se enche. Pablo non deixa que entres nos aliñamentos clásicos de partido: «Se Cataluña se quere ir, non hai mais que discutir». A outros dálles un infarto antes de dicir iso, e estarían co conto da España federal. Pero el colle un significado de nación que ti non esperas. Despois, esa disonancia cognitiva te activa porque é coma unha puñada. ¡E agora, posiciónate, claro! Porque, vale, ti te activas diante dese discurso, pero tes que posicionarte tamén. E se es de esquerdas, dis: «¡Ollo, a ver se este tipo vai ser un patriota!». Así, o voto de Podemos ven da abstención, da UPyD, do PP, do PSOE...

-¿Unha grande fronte de esquerda con Podemos sería inviable?

-Xamais haberá unha grande fronte de esquerdas con Podemos. Aí é onde o réxime quere que entre, e IU a primeira, porque é a única maneira de desactivar e derrotar a Pablo, que abriu a caixa de Pandora para que España signifique outra cousa. Por exemplo, nun recente debate da Sexta atacábano con Venezuela, con Chávez. A súa resposta, perfecta, foi: «A nos non nos vai dicir ninguén como gobernar o país, porque de feito é Merkel quen lle está a dicir a Rajoy como se goberna». Xa o tes. A xente pensa: «Paro, Merkel... Nin Venezuela nin leites, este tipo é o que quere mandar». E o político de esquerdas queda descolocado: «¿Pero non era que Chávez si?».

-¿Pero el é Chávez si ou non?

-El é moito máis listo. Por suposto que el é Chávez si, pero nunca o dirá, porque se o di é un vendepatrias que está cedendo o significante España ao PP. O que ten que meter é o elefante na cabeza da xente. Isto é o que traballei eu con el a partir da miña tese, e téñollo explicado por activa e por pasiva: «Pablo, nas entrevistas, cando a ti che din Cataluña, respondes España, e cando che din independencia, contestas que a que Cataluña queira porque España o permite. Cando che din elefante, ti dis burro. Cando che din revolucionario, ti dis que defender os dereitos humanos agora é unha cuestión de sentido común». Se lle das a volta desprazas o significante: de revolucionario á defensa dos dereitos humanos, ¿e quen está en contra diso? Así que cando lle digan Chávez, o que responderá de inmediato será España. Pablo está a facer un discurso rompedor nun contexto de ruptura. Por iso funciona. Esta estratexia non sería válida no 2005.