Cataluña desde Bruxelas

ESPAÑA

28 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A independencia de Cataluña é tema de opinión entre españois que, con frecuencia, mencionan «Europa» en incorrecta referencia á Unión Europea. Non coñecen o que se move polos ámbitos de Bruxelas e, daquela, quizais sexa bo recoller o que alá se pensa e fala. Calquera día, indo á praza Schuman, miolo da Comisión Europea, vese o edificio da representación de Cataluña. Preto, noutro edificio de representación española, dúas damas a penas se saúdan, cando antes mantiñan fácil diálogo. Unha é de Barcelona e a outra de Madrid. A catalá non se apea do dereito á soberanía. Velaí Kosovo, «Francia apoiouno e non vai deixar Cataluña á toa. ¿Quen ve a Francia pondo alfándega en La Jonquera? ¿Que lle importa máis ao eixo París-Berlín: Cataluña ou Eslovaquia?». A madrileña teima con que os de Madrid tamén terían que votar sobre a independencia de Cataluña. Ao mediodía, déjeuner nun restaurante turco. Un catalán funcionario da CE, «coma outros trescentos... Mentira que nos vaian botar en caso de secesión: non botaron os noruegueses cando o seu país se retractou de entrar na UE». Pola tarde estala a cuestión nun dos grandes predios da CE: seica alí non se fala de Cataluña porque «ese país» cumpre todo para adherirse á UE, e España terá que lle levantar o veto. «Unha cousa é a lei e outra a xustiza», din. Alén diso, están a EFTA e o euro: Cataluña sempre estaría dentro de facto.

De noite, nun restaurante grego, cea con funcionarios de máximo nivel. Fálase de independencia e recoñecemento da ONU. Un alemán asegura que en Berlín interesa acoller na UE «países industriais» coma Cataluña e Euskadi. «O problema -di- é que no Consello de Seguridade poden ter enfronte a Rusia, por Chechenia, e á China, polo Tíbet». Na sobremesa hai opinión coincidente: a república catalá non vai ser un departamento francés, mais un Estado filial de París. Margallo sábeo e fala barato.