Música orquestral e imaxes 3D para contar a nosa historia

CULTURA

Luarna Lubre acompáñase da orquesta sinfónica de Galicia no seu proxecto máis ambicioso

20 jun 2014 . Actualizado a las 15:55 h.

Alumeado pola luz do faro que une o pasado da Coruña con Irlanda nace a novo proxecto de Luar na Lubre, que supera, nesta ocasión, a simple proposta musical. O grupo optou por embarcarse nunha grande produción para un traballo co que queren axudar a afondar na nosa propia historia. Será unha iniciativa multidisciplinar que mestura a súa música, cunha espectacular posta en escena e un percorrido posterior cun documental e un libro.

A proposta arranca cos dous concertos, co título Torre de Breoghán-A luz dos milésians, esta fin de semana na Coruña. Non é un traballo en solitario do grupo, senón unha proposta conxunta coa Orquesta Sinfónica de Galicia, dirixida por Diego García Rodríguez, e na que participan profesionais de grande sona como Franc Aleu, Premio Nacional de Cultura, na escenografía, e o compositor Nani García, nos arranxos musicais.

Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, destaca a magnitude destas actuacións pola orquestración de pezas da súa discografía e pola importancia que terá o discurso visual que se desenvolverá durante todo o concerto e que axudará a entender a historia que se quere contar.

Tres anos de traballo

O grupo tardou uns tres anos en lograr montar un espectáculo co que pretende dar a coñecer a historia dos milésians a través do que se recolle no libro Leabhar Ghahala Eirean (Libro das Invasións), que contén o relato dos distintos pobos que conquistaron Irlanda e como o último foron os milésians, que dende Brigantia (actual A Coruña) partiron cara a illa despois de divisala Ith, o fillo de Breoghán dende a torre que levaba o nome do seu pai (actual torre de Hércules), un líder e caudillo milesio. «Queremos recuperar a nosa propia historia. Recuperar a historia de Breoghán porque, máis alá de saber que está no himno ou da nome a un equipo de baloncesto, poucos saben que é un dos líderes milésians», comenta e apostilla que o espectáculo «vai crear curiosidade por coñecer a nosa propia historia».

Romero, que se recoñece celtista, remarca que o que pretenden é afondar os coñecementos que temos do noso pasado cun espectáculo no que se recolle unha lenda asociada dende sempre a torre de Hércules e que sirve de unión entre as dúas culturas, a galega e a irlandesa.

Os concertos arrancarán con catro temas do grupo sobre os elementos da natureza, continuará cunha segunda parte dedicada a lírica medieval galega portuguesa coa interpretación de varias cantigas e unha terceira, que da nome ao espectáculo cun tema novo, e na que se aborda a invasión irlandesa. «É unha suite épica que conta a chegada dos milésians a Galicia, e a súa marcha posterior a Irlanda, converténdose no derradeiro pobo invasor da illa», resume Romero, que di que pecharán os concertos, con temas clásicos de Luar na Lubre como Chove en Santiago, Tu gitana o Camariñas. Iso si, asegura que ninguén os ouviu nunca desta maneira e que non se poden escoitar coa perspectiva dos anteriores traballos discográficos.

Ilusión

Este espectáculo -producido por Maruchy Suárez e Xabier Ferreiro, compoñente de Luar na Lubre- xerou moita ilusión ao seu redor e o director coruñés Diego García, recoñece que «supón un reto» participar nel coa OSG. El, que conta con experiencias máis aló do mundo clásico como foi o espectáculo A ópera dos tres reás, destaca que parte con ventaxa por vivir entre as dúas músicas. «Eu son gaiteiro de toda a vida e sigo co meu grupo tocando alboradas e é imporante coñecer as dinámicas do outro», apunta remarcando que haberá máis de cen músicos no escenario do Palacio da Ópera coruñés, para un espectáculo duns cen minutos de duración.

«Unha das cousas que máis me interesou a hora de participar foi o unir forzas para crear un espectáculo e que a xente acabe dicindo 'eu estiven alí' e este reúne as características para que o digan», apunta.

Tanto Romero como García coinciden en remarcar que é un espectáculo «único» que une dúas propostas musicais cunha traxectoria recoñecible. Así, a orquestra sinfónica máis importante da cidade coruñesa acompaña ao grupo máis internacional, Luar na Lubre, que leva 28 anos nos escenarios, cun currículo con más de 1.000 concertos as súas costas e un seguimento do público tamén avalado nas súas xiras más alá das nosas fronteiras.

Orquestración

O encargado de facer os arranxos musicais e de orquestrar as música do grupo para Torre de Breoghán é Nani García, un compositor, músico e produtor musical con bagaxe en bandas sonoras. «Vai ser toda unha sorpresa, unha cousa fóra de serie», asume sobre o proxecto e matiza que a música de Luar na Lubre «ten posibilidades» para ofrecer un espectáculo con elementos dramáticos e ambientes suxerentes.

«Nos concertos preténdese facer un relato e a achega de elementos cinematográficos en canto a música son interesantes», apunta sobre un traballo que lle levou catro meses e do que di que partiu con ventaxa ao o ter traballado, xunto con Xabier Ferreiro, en De Profundis o que lles aportou experiencias para abordar agora esta proposta multidisciplinar coa que se busca manter un discurso unitario.

«Levo anos reivindicando isto en Galicia, que somos capaces e maduros para producir cousas nosas cun certo nivel e isto é unha proba diso», comenta ao mesmo tempor que apostilla que «é un espectáculo claramente exportable do selo galego».

Espectáculo

No que todos coinciden en señalar como o elemento máis espectacular é a portación que fai Franc Aleu ao espectáculo. O responsable da escenografía, que fixo varios traballos para La Fura dels Baus, aportara elementos tridimensionais aos concertos, que unirán o discurso audivisual co propio relatorio que se fai coa música en directo. «Realizamos una proyección inmersiva, con los músicos en el interior de dos proyecciones que se realizarán por delante y por detrás de ellos», explica do que se verá esta fin de semana no Palacio da Ópera coruñés.

«Lo hemos hecho con técnicas de animación 3D, a través de las ilustraciones realizadas por Estefanía Cagigao», relata. Esta mesma semana o seu equipo estivo en Galicia rodando paraxes naturais que ambientarán o comezo do espectáculo, que continuará cunha proposta máis pictórica para contar a historia.

«Los músicos inmersos en las imágenes crea un ambiente muy mágico», recoñece Franc Aleu, ao mesmo tempo que remarca que é o traballo no que puxo «más energía que en ninguno otro en mi vida», que explica tanto pola súa conexión co grupo e polo seu propia implicación na proposta. «Es importante remarcar que en un momento como este se haga una producción tan potente hay que valorarlo, porque no es normal, es admirable», admite, ao mesmo tempo que admite que é un proxecto «costoso».

Do empaque da produción non só da conta o centenar dos músicos enriba do escenario, senón a participación doutras cincuenta persoas nos dous días de concertos, nos que se emplean 15.000 watios de son, 130.000 watios de iluminación e 70.000 lúmenes de vídeo.

Se épica é a historia que se relata tamén o é a súa construción, un esforzo que quedará recollido nun documental que rodará o director galego Jorge Coira. Esta proposta completarase na parte literaria coa achega de Xabier Cordal nun libro sobre a historia dos milésians, que irá acompañado dun cedé no que se recollerá a suite principal que se interpretará nos concertos de a Torre de Breogán-A luz dos milésians. Para estes traballos aínda non hai data de presentación, pero agardan que estean rematados cara o outono.

Xira

Bieito Romero non se cansa de destacar a achega de todos os que se involucraron neste proxecto, e solta nomes para agradecer todo ese traballo de colaboración, dende Carmen Alonso que os asesorou co Leabhar Ghahala Eirean ata o resultado da combinación de profesionais recoñecidos tanto na parte musical como na do deseño da escenografía.

Pese a singularidade do proxecto, que recoñecen que está na vangarda das propostas musicais, móstrase cauto a hora de cando poderá ser exportado e cando poderase ver noutras latitudes.