A Xunta culminou o proxecto de ampliación cun investimento de 500.000 euros
28 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou onte o IES Perdouro de Burela para recibir as obras da segunda fase de ampliación do centro, que consistiron na adecuación da planta do semisoto, onde se habilitaron tres aulas para talleres de FP e un almacén. Na visita estivo acompañado polo alcalde, Alfredo Llano, e outras autoridades.
Con esta actuación culmínase o proxecto de ampliación do centro, no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investiu preto de 500.000 euros.
Así, estes últimos traballos supuxeron un investimento de 142.917 euros destinados á construción de tres aulas para obradoiros, que usarán os alumnos das especialidades de Formación Profesional, así como un almacén e aseos adaptados.
Deste xeito, xa están operativas todas as instalacións do novo edificio, despois de que nunha primeira fase se executara a construción do inmoble e a adecuación da primeira planta con dúas aulas e aseos adaptados, proxecto iniciado no último trimestre do 2015 e que contou cun investimento de 353.917 euros.
José Manuel Balseiro subliñou a aposta da Xunta «por un ensino público de calidade, que se traduce na mellora constante de medios e na modernización das infraestruturas, neste caso en centros de toda a provincia».