A FP dual

José Rodríguez Cabeza DENDE FÓRA

EDUCACIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Daqueles tempos en que eu andaba actuando de concelleiro da Pobra do Caramiñal lembro que, aló polo 2000, encargóuseme a representación municipal para asistir á inauguración, por parte do presidente da Xunta don Manuel Fraga, da planta de tratamento de residuos Sogama en Cerceda, concello no que me ataron o cordón umbilical. Para tal evento acompañoume o meu pai, que cando lle botou unha ollada ás instalacións díxome: «Pepe, isto xa o tiñan en Suíza fai máis de corenta anos, pero agora traballan con sistemas máis sofisticados».

Pois ben, esta anécdota sérveme para facer o relato que hoxe quero que vostedes lean nesta columna. Trátase dese convenio asinado entre o Centro de CIFP Coroso de Ribeira e a empresa alimentaria pobrense Salica baixo a modalidade de «FP dual», o que debemos valorar como unha gran noticia, pero, do mesmo xeito que me informaba o meu pai, tamén este tipo de ensino xa se facía en Suíza fai máis de catro décadas, un sistema docente do que se beneficiou o meu irmán Gabriel e que lle permite traballar no eido da mecánica naval de alto nivel. Polo que tanto pode estar quince días en Panamá (e non pensen que dedicándose a ese tipo de papeis tanto de moda) como nas illas Canarias ou en Pernambuco.

A finais do 2015, a directora do departamento de Emprego da Organización Internacional do Traballo (OIT), Azita Berar-Award dixo, nunha rolda de prensa en Xenebra, que «o desemprego xuvenil en España segue sendo altísimo -53.2%-, pero baixou. As perspectivas semellan ser mellores. Non poden ir a peor». Elemental querido Watson, ¡sempre e cando neste país tomemos exemplo de acontecementos como este!.