Reválida de profesorado

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

EDUCACIÓN

02 jun 2015 . Actualizado a las 23:01 h.

Polas redes sociais vense moitas cousas, tamén demasiadas sen transcendencia. O outro día caeu nalgún muro veciño unha frase que non parecía gran cousa, pero que tiña moito fondo: «Se podes ler isto é grazas a un mestre, non a un futbolista». Hai poucas profesións que me parezan máis importantes. Agora que anda tan de actualidade a reválida de nenos de terceiro, non estaría de máis unha periódica para os mestres (seguro que as hai, non o dubido, pero unha máis, distinta). Unha reválida de ganas e de capacidade de ensino. Dos mestres teño os mellores recordos e tamén os peores. Dos primeiros, algúns casos. Dos segundos, bastantes máis. Xente con moita sabedoría nos petos, pero incapaz de trasladar nada de maneira que un neno o puidese entender. Outros, que directamente nin eles mesmos entendían do que falaban. Aqueles mestres poñían notas, valoraban e nós considerabamos que eles sabían, porque se tiñan que ensinar, e chegaran ata aí, supoñíase que algo debían de saber. Entón pensabamos que nós eramos o problema, pero agora teño outros ollos, máis malos. Non hai profesión máis vocacional que a de mestre. Un pode escribir sen ganas, cociñar sen ganas, construír sen ganas ou varrer sen ganas. Pero ensinar require moito, algo diferente. Hai profesores capaces de condicionar a elección dun adolescente da súa carreira, só porque el non soubo facer o seu traballo. A educación precisa máis atención, seguro. E non, na Universidade non cambia nada de nada.