A vía xudicial como fórmula máis axeitada

Manuel Pérez Arias TRIBUNA

ECONOMÍA

14 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación galega de consumidores e usuarios Acouga naceu por afectados por produtos financeiros que decidimos dotarnos da ferramenta que nos procurara, como consumidores e usuarios, dunha información correcta, o asesoramento axeitado, personalizado e de proximidade, ademais da personalidade xurídica para exercer colectivamente a defensa dos nosos dereitos.

A postura de Acouga na reclamación dos intereses cobrados de xeito indebido pola aplicación da cláusula chan é moi clara: a vía xudicial é o camiño.

Acouga ten admitida a trámite, desde febreiro do pasado ano, unha demanda colectiva por este concepto, que se resolverá en breve e favorablemente, xa que a sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo así fallou. Ao ser o TXUE unha instancia superior a calquera xulgado dun Estado membro, o fallo, atendendo á xurisprudencia, non pode ser outro.

Desde Acouga non contemplamos as propostas extraxudiciais que están a propor desde o ámbito político-financieiro como a solución axeitada xa que non garanten nin a premura nin a total restitución dos cartos cobrados indebidamente. A nosa experiencia coas participacións preferentes así o manifesta: mentres a vía aberta da reclamación no Instituto Galego de Consumo só deu acubillo ao 30 % dos afectados, e os acordos extraxudiciais supuxeron a carga de ter que descontar dos cartos rescatados as correspondentes minutas dos avogados por conta dos reclamantes, as reclamacións que se fixeron pola vía xudicial supuxeron a recuperación do 100 % dos cartos ao teñense gañado os xuízos en costas, sendo os honorarios das defensas abonados polas entidades financeiras.

Xa sexa a través desa demanda colectiva, ou a través de demandas individuais, o xeito de recuperar a cantidade exacta que se lle adebeda a cada afectado non é outra que a dunha sentenza xudicial. Que non nos amedrenten aos consumidores nin nos enganen con cantos de serea; informémonos, asesorémonos e reclamemos na defensa dos nosos dereitos.