Evidente falla de ambición

X. Fernández Leiceaga TRIBUNA

ECONOMÍA

04 dic 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

As contas da Xunta de Galicia para o vindeiro 2017 defínense pola súa falla de ambición. Cun crecemento real e previsto da economía por riba do 3 % nominal, os ingresos non financeiros apenas soben 1,4 puntos e os financeiros non incorporan a nova marxe autorizada para as comunidades autónomas (60 millóns adicionais para Galicia). Pode facerse máis e mellor cumprindo coa normativa de estabilidade e reducindo o nivel de endebedamento sobre o PIB.

Non hai una revisión dos beneficios fiscais, que, en conxunto, ascenden a máis de 400 millóns de euros. ¿En qué medida as bonificacións impositivas para determinados sectores de contribuíntes impulsan o crecemento e o emprego? ¿En qué medida reforzan a tendencia ás desigualdades sociais? Só deberían manterse aqueles beneficios fiscais que teñan una función relevante na eficiencia ou equidade. Unha parte dos mesmos sería máis útil reforzando o gasto público.

O cadro macroeconómico que acompaña o proxecto amosa tamén algunhas características que nos preocupan. Primeiro, o gasto en consumo final dos fogares medra menos que o PIB e reduce o ritmo en relación co 2016. Segundo, o ritmo de creación de emprego redúcese tamén sobre o dos últimos anos. Quere isto dicir que as familias van percibir tenuemente os efectos da recuperación en marcha sobre os seus ingresos ou sobre o emprego dos seus membros. A expansión económica faise depender do sector exterior e do comportamento sempre imprevisible da formación bruta de capital.

Por último, é difícil tomarse en serio as cifras publicadas. Cómpre unha análise máis de detalle. Un exemplo: o gasto adicional publicitado para os empregados públicos (185 millóns de euros) só dá lugar a un incremento nas cifras do orzamento consolidado de 44 millóns. Os incrementos recollidos na propaganda sobardan con moito a marxe orzamentaria de 256 millóns de euros. Unha visión rápida destaca a continuidade nas liñas políticas básicas, con retoques cuantitativos limitados nalgunhas políticas.

Falla de ambición, propaganda e continuidade certifican o esgotamento do proxecto do Partido Popular.