«Dirty hands» (mans sucias)

Jesús Vázquez Forno FIRMA INVITADA

ECONOMÍA

02 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Se lle dixeran aos nosos avós que en España iamos ter dificultade para atopar electricistas, mecánicos, carniceiros, chefs, panadeiros ou fontaneiros, seguramente ficarían asombrados, pero máis aínda se lles contáramos que a situación no mercado de traballo é como a actual, na que unha de cada cinco persoas que queren están no paro, un de cada tres no caso dos mozos menores de 30 anos. Son os oficios tradicionais actualmente os máis demandados, seguidos dos técnicos cualificados e os enxeñeiros, así como o persoal das tecnoloxías de información e da comunicación, persoal administrativo e condutores.

É certo que estamos a falar dunha tendencia a nivel mundial, máis acusada en países avanzados como Xapón ou en nacións en pleno crecemento, como Perú ou Brasil, de modo que España ten un comportamento propio dunha economía madura e desenvolvida. Antes da crise o noso país presentaba taxas aínda máis altas de falta de cobertura destes postos e agora, cos primeiros albores da creación de emprego, de novo as empresas de servizos non atopan estes profesionais.

Pero, ¿como se resolve este paradoxo nun contexto de máis de catro millóns de parados? Os estudos máis recentes describen un empeoramento das condicións de traballo -baixos salarios e inestabilidade-, ao tempo que as empresas demandan máis flexibilidade -dispoñibilidade horaria, xeográfica, etcétera- e máis formación, así como adaptación ás novas tecnoloxías. De aí a baixa resposta ás ofertas de traballo: os candidatos/as simplemente non se presentan ou ben non teñen a preparación que lles piden. E logo está a pouca consideración que teñen os oficios tradicionais, que non atraen aos mozos porque ¿a quen lle apetece manchar as mans se pode traballar de community manager ou, mellor aínda, de xogador profesional de videoxogos?