«Dáse prioridade a catro delfíns sobre miles de familias que viven da pesca»

f. fernández REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

Fajardo confía en que a Unión Europea permita a continuidade da arte do xeito.
Fajardo confía en que a Unión Europea permita a continuidade da arte do xeito. pepa losada< / span>

Leva catorce anos dirixindo o pósito de Porto do Son e só un mes a federación

24 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Xusto hai un mes que Tomás Fajardo, patrón maior de Porto do Son, tomou posesión como presidente da Federación Galega de Confrarías. «En política se dan cen días de cortesía, pero aquí tomei posesión o 23 e o 24 xa fun a unha reunión... Hai que estar ao pé do peirao, que dicimos nós».

-Un mes é pouco, pero ¿atopou algunha sorpresa na federación?

-Xa levo 14 anos como patrón maior e sei o que é a xestión dunha entidade mariñeira, pero claro, isto é un reto. Non vou entrar a criticar aos anteriores dirixentes nin nada diso. O que eu quero é potenciar a federación, achegala á xente. Entendía que nos últimos tempos estaba un pouco desaparecida. Temos moitos problemas e a federación galega debe ser o elemento de cohesión.

-E liderar a loita do sector.

-Iso de loita... Somos os intermediarios directos coa Administración, que é quen ten que resolver moitos dos problemas. Si que pode haber que loitar, pero doutra maneira.

-Acaban de solicitar unha reunión coa conselleira para falar do furtivismo.

-Si, esa reunión xa se produciu este mércores. Propuxemos crear un grupo de traballo coas forzas de seguridade, con Gardacostas e co sector. Hai que darlle unha volta a todo isto porque o furtivismo cada vez é máis problemático, está moito máis organizado, son bandas en moitos casos. Só con solicitar que se modifique o código penal para que se considere delito consideramos que non é suficiente. Por iso imos promover que se cree ese grupo de traballo para tratar de coordinar e decidir que medidas se poden tomar. O que se fixo ata o momento non foi suficiente.

-¿Que se pode facer? ¿Vixiar máis?

-Está claro que cantos máis gardas vixíen mellor, pero non poden estar todo o día nas praias. A coordinación con Gardacostas, Garda Civil e Policía Autonómica ten que ser máis áxil e rápida. Porque o que está a pasar é que se localiza a unha persoa traballando ilegalmente, se lle comisa todo e volve ao día seguinte, e ao outro. Non é eficaz.

-¿Diría que o furtivismo é o principal problema do sector?

-É un deles. A escaseza de marisco nas rías é outro. Queremos analizar o problema cos técnicos para ver cal é o motivo e que se pode facer: rexenerar, limpar os bancos... Temos que buscar tamén a fórmula para que, cando se produzan episodios, a xente, que ten que vivir igual, perciba algún tipo de compensación económica. E logo están as cotas.

-Cada vez máis escasas.

-Si. Nunca se veu por exemplo que pecharan a raia.

-¿Pensan que se pecha ao chou?

-Pois non sei. O certo é que non podemos pescar. Hai que negociar máis cotas, aínda que se presenta difícil porque hai intereses doutros países e lobbies de presión, como os ecoloxistas. A ver, a nosa pesca é sostible, temos que capturar o que nos permitan os recursos, buscando o equilibrio entre os factores medioambiental, cultural e socioeconómico. Pero non se pode potenciar máis o medio ambiente porque se lle cause dano ás tartarugas ou aos delfíns e deixar desamparada e sen poder pescar á xente. Estamos coa pesca sostible, pero non a calquera prezo.

-¿Hai peches sen motivo entón?

-É que non nos coincide que vexamos que hai moito xurelo, porque vén nos aparellos, e que non poidamos pescalo. É difícil de entender que habendo recursos non se poidan pescar. O propio cerco está promovendo paradas biolóxicas na sardiña porque non a hai, o sector é consciente diso.

-¿Ten a impresión de que ás Administracións queren forzar unha reestruturación do sector? Parecen pensar ás veces que hai demasiados barcos, demasiada xente na pesca...

-Eu creo que a Xunta sabe o que representamos e non creo que queira cargarse un dos piares económicos da comunidade, pero a Unión Europea non recoñece o potencial que temos. Faille moito máis caso a grupos de presión que ao propio sector. Aí é onde creo que radican moitos dos problemas que temos. É certo que algúns recursos non están ben e hai que tomar medidas, pero algunhas son pouco acertadas. Dáse prioridade a catro delfíns en detrimento da economía de miles de familias que viven da pesca.

-O poder de presión dende Galicia, ¿é escaso?

-Si. Somos unha potencia pesqueira con pouco poder de decisión e de presión. Holanda, por exemplo, ten máis cota que nós en algunhas especies e foi porque á hora de facer o reparto foi capaz de demostralo a través dos históricos. Non se pode contemplar soamente ese factor. Ten que haber outros indicadores a ter en conta, como o impacto social, económico ou cultural, para que polo menos o reparto non sexa tan descompensado.

-E o xeito en perigo. ¿Que cre que pasará?

-Eu creo que vai prevalecer a casuística especial do xeito e que non vai desaparecer. As expectativas que se manexan son positivas pero ata que non se reúna a comisión non nos podemos aventurar demasiado. Espero e confío en que prevaleza o sentido común e continúe.