Francisco Alcalde: «Nunca o sector do mar de Galicia estivo tan desprotexido como agora»

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

ECONOMÍA

O presidente do consello considera que hai un retroceso xeneralizado dos sectores do mar.
O presidente do consello considera que hai un retroceso xeneralizado dos sectores do mar. mónica irago< / span>

Alcalde remata un mandato centrado na loita contra a fraude na etiquetaxe

19 oct 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

O presidente en funcións do Consello Regulador do Mexillón de Galicia ten un falar pausado. É pura necesidade: mide cada unha das súas palabras con precisión milimétrica para dicir, exactamente, o que quere dicir, sen ter que se arrepentir despois. Por iso, é esquivo cando se lle pregunta se se presentará ás eleccións que están por vir. «A nosa intención é que entre xente nova e con ganas de traballar, de seguir adiante coa consolidación da DOP [denominación de orixe protexida]», di.

-¿Cambiou moito a DOP nestes últimos catro anos?

-Cambiou. Un exemplo é que cando empezamos non había ningunha empresa certificando o seu produto, e agora son 34. Aínda que o volume de produto certificado está condicionado polos peches administrativos, a estas alturas do ano xa temos superados os vinte millóns de quilos certificados. A mediados de xuño iniciamos unha campaña de promoción en 1.800 peixerías de toda España, que está tendo moita aceptación. O responsable de compras dunha gran cadea díxonos que na semana de inicio da campaña multiplicaron por cinco as ventas de mexillón con DOP. Iso é un síntoma de que imos polo bo camiño.

-Iso malia os golpes á súa imaxe que supuxeron a alerta sanitaria de Francia e o caso dos intoxicados en Barbanza...

-Tanto no tema de Francia como no caso do Barbanza, a información dada pola Xunta sempre fala de sospeitas, nunca de feitos probados. Este tipo de xestión das alertas o único que causa é un dano enorme á imaxe do sector. O noso mexillón cumpre todos os requisitos de control e ofrece todas as garantías.

-Un dos seus cabalos de batalla foi a loita contra a fraude nas etiquetaxes. ¿Tense avanzado algo?

-Dende que no 2007 se liberalizaron os aranceis con Chile, os mercados están invadidos de produto foráneo mal etiquetado co obxectivo de confundir ao consumidor. E iso ten unha repercusión negativa para a produción, para as empresas que traballan honestamente mexillón galego, e para o consumidor. Unha desas consecuencias negativas é que unha parte da industria deixa de demandar entre oitenta e cen millóns de quilos anuais de mexillón galego. Por iso falamos de fraude.

-¿Pero tense avanzado algo?

-O avance é moi lento debido á pasividade e á deixadez das Administracións. A partir do 13 de decembro entra en vigor unha nova norma de etiquetaxe que obriga a informar da orixe dos produtos do mar, pero que exclúe as conservas de pescados e mariscos, entre elas as do mexillón. Iso, o que vai a provocar é unha invasión de conservas procedentes de terceiros países que, ocultando a súa orixe, van confundir ao consumidor e causar serios prexuízos ao sector do mar de Galicia. Nós temos elaborado un documento no que se demostra que, en defensa do interese xeral, é preciso informar da orixe dos produtos do mar en conserva. Xa llo mandamos á Comisión Europea, que nos amosou a súa sensibilidade, e a outros organismos. Entre eles, aos grupos políticos do Parlamento galego para que apoiaran a iniciativa.

-Pero non todos o apoiaron. O PP votou en contra apelando que a ver se por defender a un sector se sacrificaba a outro. ¿Como sentou iso no sector?

-Son declaracións inaceptables para quen debe defender os intereses dos consumidores e dos sectores do mar de Galicia. Nunca os sectores do mar de Galicia estiveron tan desprotexidos coma nestes momentos.