Francisco Alcalde: «O sector ten que apostar por investigar que pasa nas nosas augas»

María Hermida
María Hermida RIBEIRA / LA VOZ

ECONOMÍA

«O sector está desmoralizado», recoñece Alcalde, presidente do Consello dende o 2009.
«O sector está desmoralizado», recoñece Alcalde, presidente do Consello dende o 2009. mónica irago< / span>

Di que nos últimos anos a incidencia da marea vermella é maior que antes

20 ago 2014 . Actualizado a las 12:16 h.

Francisco Alcalde é bateeiro da comarca do Barbanza. Pero non responde como tal. Preside o Consello Regulador do Mexillón de Galicia e cando fala de sector refírese a toda a cadea; dende produtores a cocedoiros ata depuradoras e conserveiras. Insiste en que hai que velo como un todo, porque problemas e solucións, di el, pasan por todos.

-¿Como está o sector?

-Vimos dun 2013 desastroso, con tres grandes peches por marea vermella e moitas perdas na produción de mexillón. Agora, neste exercicio, levamos xa dous peches e polo tanto os ánimos están baixos. O sector está desmoralizado. Ademais, o mexillón está agora mesmo nas súas mellores condicións. De feito, víase que as conserveiras tiñan ganas de envasar polo ben que está o produto nestes momentos.

-¿Como valora os datos de produción do 2013?

-Non teño datos peores ca estes. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia, que elabora as estatísticas en base ás cifras que aporta a Xunta, non ten rexistrado un exercicio peor.

-¿Ten a culpa a toxina deses datos tan negativos?

-A marea vermella é un fenómeno natural, pero está claro que nos últimos anos está tendo unha especial incidencia, ben sexa polo cambio climático, pola modificación das correntes, pola contaminación ou por outras causas. Por iso creo que o sector ten que apostar por investigar que pasa nas nosas augas. É necesaria a investigación propia, desde dentro, para ampliar o coñecemento sobre o que está a pasar.

-Por riba, e como se o refrán de que a can fraco todo son pulgas quixese facerse realidade, o sector está que trina despois de que recentemente Mar dese a coñecer que houbo dúas persoas que acudiron ao hospital e que se lles diagnosticou unha intoxicación por consumir mexillón con toxina amnésica, ¿é consciente dese malestar?

-Si. Despois de ver a nota de prensa emitida pola Consellería de Mar e despois de ler o informe epidemiolóxico de Sanidade non queda comprobado que fose unha intoxicación por consumir mexillón con toxina amnésica. Fálase de que é compatible, pero non dunha certeza, non dun feito probado. E non pode ser que por unha sospeita e sen ningunha proba se estea creando unha alarma inxustificada e que xera desconfianza ao consumidor e dana a imaxe de todo o sector do mexillón.

-Fala da imaxe do sector, dos principais problemas... ¿Atrévese a aportar tamén solucións, ademais do xa dito sobre promover a investigación?

-O sector ten que organizarse e reestruturarse e potenciar a denominación de orixe protexida. Iso, e fomentar a investigación propia, penso que é o que nos axudará a tirar cara adiante e poder deixarlle un sector aos nosos fillos como o que herdamos dos nosos pais.

-É que, hai pouco, falar de bateeiros era falar de ricos, ¿non?

-Non o comparto. Paréceme ata mal. Este sector levantouse cun gran esforzo por parte de moitos homes e mulleres.