¿Axuda ilegal ou política fiscal?

Xavier Carro

ECONOMÍA

30 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

omo funciona o «tax lease»?

É unha operación financeira a catro bandas na que participan: un armador, un estaleiro, un inversor en forma xurídica de Agrupación de Interese Económico (AIE) e un banco que presta os servizos de leasing. O asunto transcorre así: o estaleiro vende o buque ao banco, que á súa vez formaliza un contrato de leasing a un prazo moi curto, normalmente 3 anos, cos inversores organizados nunha AIE. Esta AIE alúgalle o barco ao armador, a quen llo acabarán transmitindo ao finalizar a operación. Os reducidos prazos da operación xeran na AIE unhas fortes bases impoñibles negativas que lle reportan unhas desgravacións fiscais que permiten rebaixar o prezo do buque case nun 30 % ao armador e reducir a factura fiscal das firmas inversoras nunha porcentaxe similar.

Que consecuencias ten? Todos gañan: o estaleiro vende o barco a prezo de mercado, o armador aforra un 30 %, as empresas inversoras reducen a súa factura fiscal e o banco cobra unha comisión polos servizos prestados. Pero quen paga? Naturalmente, a facenda pública. Podemos pensar que se trata dun engano para que os máis ricos non paguen impostos, pero é máis complexo. A aplicación deste sistema financeiro permite que compañías con altos beneficios invistan grandes sumas directamente no tecido produtivo, activando un sector que sen esa participación non existiría. Por outra banda, a facenda pública non perde. Cada operación supón xerar actividade económica e emprego do que se derivan retornos fiscais e cotizacións sociais que compensan as achegas iniciais.

Que é o que habería que devolver? Son as desgravacións recibidas polos inversores en cada unha das operacións realizadas dende o ano 2005 as que agora Almunia di que hai que devolver, en total preto de 3.000 millóns. Non está nada claro quen debería facer tal cousa, polo que ao final pode ser o Estado quen asuma a sanción. Se devolvésemos as axudas presuntamente ilegais, engordaríamos o déficit público, atrás viría a Comisión Europea e o FMI esixindo máis control do déficit, ou sexa, máis recortes, que terían consecuencias negativas no crecemento, na recadación fiscal e novamente no control do déficit, para seguir non sei ata cando leados nesta rolda do infortunio da que xa non sei se queren que saiamos nunca.

Por que debemos devolver dende o 2005? «Porque coincide coa apertura dunha investigación a Francia polo seu tax lease». Toma! Como a Xan lle doe a cabeza ímoslle dar unha aspirina a Pericán! Non sería lóxico que a nosa sanción coincidira coa apertura formal da investigación a España derivada da denuncia de Holanda, ou sexa 2011?

Por que existen mecanismos de apoio? En España, dende as reconversións dos anos 80, todos os Gobernos evitaron colocar ao sector industrial como estratéxico. Mentres os países máis industrializados de Europa miman as súas firmas e organizan os recursos en beneficio do desenvolvemento, nós levamos décadas sen unha política industrial estratéxica clara. Europa ten que comprender que o sector non pode asumir máis sacrificios, e ten que escoitar a voz unánime dos galegos e demais comunidades autónomas afectadas nunha reivindicación xusta. Paralelamente a nós, aos nosos gobernantes correspóndelles deseñar unha política que transcenda a duración dunha lexislatura, co obxecto de deseñar un modelo de desenvolvemento sostible tanto medioambiental como económica e socialmente.