Traballando para erradicar a lacra do furtivismo

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

OServizo de Gardacostas da Consellería do Medio Rural e do Mar intensificou a vixilancia na ría de Arousa ante o cariz que acadou estes días a actividade furtiva na zona e a súa incidencia nos labores de inspección. Nos últimos días Gardacostas e corpos e forzas de seguridade do Estado realizaron varias actuacións conxuntas nesta zona.

Nalgunhas delas, a actividade dos axentes estivo dificultada por actitudes violentas e ameazas por parte dos ilegais. De aí a importancia de incidir nas zonas máis conflitivas para atacar o problema en todos os seus eidos. Neste cometido é moi importante a concienciación da cidadanía, por iso, dende a Consellería do Medio Rural e do Mar sempre facemos un chamamento á poboación para que se consuma marisco polas vías legais de comercialización. Pedimos a colaboración dos cidadáns para erradicar esta lacra, que tanto dano fai aos profesionais do mar e aos consumidores en xeral, porque se existe o furtivismo é porque hai quen compra produto aos ilegais e iso constitúe un problema económico, social, sanitario e ambiental.

Comprar fóra dos cauces legais supón un risco para o consumidor ao non ter pasado o produto ningún tipo de control que avale as súas condicións hixiénico-sanitarias. Para evitar que isto suceda a Xunta desenvolve inspeccións en toda a cadea de comercialización, a través de controis por mar e en terra, onde se realizan inspeccións de comercialización por estrada e nos establecementos como restaurantes, pescaderías ou supermercados co fin de impedir que o produto do furtivismo sexa comercializado. Dende a Consellería do Medio Rural e do Mar apostamos pola tipificación penal do furtivismo, incluíndo como actividade delitiva a reincidencia na actividade furtiva. Consideramos que sería unha medida para impulsar a loita contra esta problemática, pois deste xeito, a conduta daquelas persoas que se dediquen a esquilmar os recursos marítimo-pesqueiros dunha maneira reincidente sería penalizada entendéndoa como un delito.