«Europa ten que decatarse da discriminación da flota galega»

rosa estévez redacción / la voz < / span> VILAGARCÍA / LA VOZ

ECONOMÍA

MONICA IRAGO

Bruxelas está a debater propostas que poden «condenar a moitos barcos»

10 sep 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

O galego é un mar complexo. Nel conviven moitos tipos de embarcacións, de artes e de especies. Pero tanta complicación paga a pena: as nosas augas non só alimentan a unha enorme flota pesqueira, senón que insuflan vida ás nosas vilas costeiras. Así o defende Benito González, patrón maior de Cambados e presidente da Federación Galega de Confrarías, que considera que este modelo de mar debe de ser defendido a capa e espada en Bruxelas. Hai uns días participou nunha embaixada galega ao corazón da UE e tivo ocasión de falar coa comisaria Damanaki.

-¿Trae boas vibracións dese encontro?

-Eramos un grupo moi variado, pero estivemos bastante tempo con ela e eu noteina bastante receptiva ás nosas demandas. Coñece Galicia e nun par de meses vai volver por aquí.

-Falaron da definición da pesca artesanal, un asunto que a vostede o ten preocupado...

-Nestes momentos estase definindo en Bruxelas o que é flota artesanal. A definición que propón España parécenos ben: barcos de ata quince metros ou que boten menos de 24 horas de estancia no mar. Nela pódese dar cabida á maioría deses barcos que están nas zonas costeiras, que traen o peixe fresco e que xeran toda a economía local, desde turística ata os empregos nas empresas derivadas. Para conservar todo iso hai que conseguir que Bruxelas faga unha definición axustada, e a que propón España acércase bastante a acoller a todos os barcos. Non é doado, pero desde logo a definición que se está a barallar agora non ten sentido: barcos de menos de doce metros.

-¿E que lles dixo Damanaki?

-Ela avoga por unha definición o máis simple posible, pero dixo que entende a situación da flota galega. Temos que seguir traballando para facerlle entender a nosa realidade. Europa ten que ver a discriminación que está sufrindo a flota española en xeral, e a galega, que é a máis potente, en concreto.

-¿Por que é tan importante a definición da baixura?

-Para nós é fundamental. En Europa hai dous modelos, o industrial e o artesanal. Pode que produzan igual, pero a súa repercusión na sociedade non é a mesma. Se cambiamos o noso modelo, cambiamos tamén toda a nosa forma de vivir. Explicar iso é fundamental para facer unhas normas realistas. Estase falando, por exemplo, das cotas individuais, un sistema que consiste en que ti como barco tes unha cota asignada, e ti podes optar por pescar ti ou por vender ese dereito ao veciño. Iso para determinadas flotas pode ser interesante e bo, pero no noso caso desmontaría todo o arraigo socioeconómico que hai. Nalgúns sitios do Reino Unido puxérono en práctica e desmantelaron as súas zonas costeiras.

-Todo isto fálase no marco do debate sobre a nova política común pesqueira (PCP). Outro asunto no que aínda hai moita tela por cortar, ¿ou non?

-Quedan seis meses para tentar de cambiar o criterio de estabilidade relativa que tanto dano nos está facendo. Fixeron un reparto, un mercadeo do mar, no que para unha parte das especies que ten a flota de baixura, como pode ser pescada, rape, xurelo ou xarda, nos puxeron unhas cotas que non son proporcionais, son totalmente discriminatorias. Nós fixemos un sacrificio moi grande de desguace e eu creo que xa é suficiente. Agora estamos vendo a onde volve todo o mundo, ao mar, porque a xente quere traballar. Entón, vai haber unha disposición de axudas para a baixura, e é importante que se sigan mantendo os fondos para incentivar o que é o mar e o marisqueo. É moi importante que o marisqueo se contemple aí, incluso no apartado de acuicultura, porque ao fin e ao cabo, tanto o marisqueo a pé como a flote son acuicultura. E para conseguir todos estes obxectivos, eu creo que o fundamental é a unión do sector e a organización para facer fronte todos xuntos a unhas medidas que nos poden facer moito dano, que poden condenar a moitos barcos a quedar amarrados. As confrarías estanse reinventando para facer fronte aos problemas e a federación galega, malia ser nova, está a ser un bo órgano para chegar a Europa.

-Pero pelexar en Europa non é doado. ¿Hai unha boa sintonía coa Administración?

-Eu creo que si, que hai bastante boa sintonía coa Xunta. E ademais que hai unha cousa que ten que defender o Estado español: o que non lle poden quitar a un país é a o seu dereito a explotar a súa riqueza sen facerlle dano ao recurso, e iso é o que están facendo con nós. Cada país ten a súa economía, nós somos grandes consumidores de peixe e o que é lamentable é que o ano pasado Noruega nos vendera peixe porque nós non puidemos pescar. Iso non se pode permitir. A min gustoume unha actuación que tivo o ministro, que lle deu un plantón á Comisión. E unha postura de forza, de dicir que aquí non podemos xogar desta forma, cando eu teño toda unha zona que depende socialmente da pesca, temos os barcos, as cámaras frigoríficas, os consumidores, os mercados, temos todo. E nos controlamos, e nos regulamos, e non nos deixan.