Os parados teñen que soportar un de cada catro euros do axuste

Enrique Negueruela TÉCNICO DE EMPREGO

ECONOMÍA

Coa nova normativa redúcense 13.800 millóns de euros aos desempleados e os empresarios reciben 5.000, dun axuste de 56.350 millóns. Cada mes 4.262 novos subsidios serán parcializados con menos de 426 euros. Amplíanse as exclusión da Renda Activa de Inserción

12 ago 2012 . Actualizado a las 17:07 h.

Se o axuste aprobado polo Goberno de Rajoy vai ser ineficaz para saír da crise, o realizado sobre os parados é inmoral. Ningún principio ético pode permitir que sexan os que xa están sendo máis castigados pola crise, os que perderon os seus empregos ou non tiveron posibilidades de topar un, os que deban realizar un segundo sacrificio nas súas prestacións. Ademais é un segundo recorte que se fai cos desempregados. Primeiro recortaron as políticas que lles deben permitir aumentar a súa empregabilidade, no caso de Galicia ata nun de cada dous euros (de 420 a 218 millóns de euros). Agora reducen ou eliminan as súas prestacións. ¿Qué saída se lles está deixando tanto dende a Xunta como dende o Estado?

Parcializa o subsidio

A contía do subsidio é de 426 euros e soamente se pode percibir cando non hai rendas superiores ao 75% do salario mínimo, 481 euros. É, polo tanto, unha renda de subsistencia. Por principio, unha renda de subsistencia non pode ser parcializada porque non existe unha subsistencia parcial. É a contía mínima que un parado que non ten dereito a prestacións pode percibir se cumpre determinados requisitos. Esta consideración, xunto co feito de que foran especialmente as mulleres quen prioritariamente foran contratadas a tempo parcial (dous de cada tres contratos a tempo parcial se realizan con mulleres), fixo que no 2007, na disposición adicional 18.14 da Lei Orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o PSOE establecera que o subsidio non era parcializable. O recorte do Executivo establece que se o desemprego é por perda dun traballo a tempo parcial, o subsidio queda parcializado na mesma proporción.

¿Qué subsidios poden ser parcializados?

Nun desemprego por perda dun traballo a tempo parcial, a contía do subsidio percibirase en proporción ás horas previamente traballadas:

- Se esgota unha prestación por desemprego e se ten responsabilidades familiares (os ingresos por membro da familia son inferiores ao 75% do salario mínimo).

- Se esgota unha prestación por desemprego e se ten mais de 45 anos.

-Ten cotizado menos tempo do requirido para a prestación contributiva e mais de tres meses.

- Ten mais de 55 anos e reúnen todos os requisitos para acceder a unha pensión de xubilación, agás a idade.

Estes subsidios supoñen ao redor do 97% de todos. En Galicia, no que vai de ano, dos 279.837 contratos que se rexistraron, 94.324 foron a tempo parcial, dos que 89.656 son temporais. Se traspoñemos esta parcialidade aos subsidios, dos 12.625 que se aproban cada mes en Galicia, 4.262 serán parcializados. É dicir, terán unha contía inferior ao mínimo de subsistencia. Case 50.000 parados cada ano percibirán menos de 428 euros con este recorte. Fundamentalmente serán, unha vez mais, as mulleres as mais afectadas; o 45,3% dos contratos rexistrados con mulleres o son a tempo parcial polo que verán os seus subsidios parcializados.

O partido no Goberno fala de «activar aos parados». Esta medida desincentiva o traballo a tempo parcial. ¿É esixible a unha persoa que pode acceder a un subsidio a tempo completo por ter mais de 55 anos que traballe a media xornada uns meses ou días e logo vexa reducida á metade durante anos a súa prestación?

Os maiores de 45 anos

Se un colectivo está a ser duramente castigado nesta crise son os maiores de 45 anos que perden o seu emprego e teñen moitas dificultades para acceder a outro. Se pensamos nos que saíron do sector da construción, ¿en que ocupación se vai reciclar un ferrallista de 45 anos que perdeu o seu emprego fai tres ou catro anos? ¿Quen vai empregar a unha persoa sen experiencia nese traballo que se recicle e con mais cincuenta anos? Se o seu futuro nun momento no que hai traballo era moi complicado, agora fáiselle mais difícil recortando os subsidios ou impedindo que poida acceder a eles.

Dende xuño do 2009, o paro rexistrado aumentou nun 34,4%, hai 68.963 parados mais. O grupo de idade no que mais incremento houbo foi no grupo de persoas entre 45 e 54 anos, onde aumentou nun 47,9%, especialmente entre 50 e 54 anos, o 49,3% e quince puntos mais ca media. Actualmente hai 61.138 persoas paradas entre 45 e 54 anos. Estas persoas son o obxectivo dos recortes do PP

¿Qué recortes fai nos subsidios para maiores de 45 anos?

- Elimina o subsidio especial para maiores de 45 anos que percibiran unha prestación de dous anos. Este subsidio eran seis meses engadidos ao subsidio xeral.

- Aumenta en tres anos a idade para acceder ao subsidio previo á xubilación, dende os 52 ata os 55 anos. Este subsidio é o único que cotiza á xubilación.

- Soamente se poderá solicitar se o parado ten cumpridos cincuenta e cinco anos no momento de esgotar a prestación contributiva ou un subsidio de desemprego ou xera un novo dereito a un subsidio.

- Diminúe ata en catro anos a súa duración máxima, dado que obriga á xubilación anticipada reducindo ata nun 30% a pensión de xubilación.

- Reduce a contía da cotización a xubilación do 125% da base mínima ao 100% dela, de 935,25 euros a 748,20 euros.

Para poder ter dereito a esta prestación é preciso que teña cotizado 15 anos a xubilación e 6 deles a desemprego. Con esta reforma, en primeiro lugar, facendo un baleiro de tres anos, entre os 52 e os 55, deixa a todas as persoas destas idades sen subsidio.

En segundo lugar, impide a súa solicitude no momento de cumprir os 55 anos se non se está percibindo unha prestación. Ata agora un parado cando cumpría os 52 podía solicitar este subsidio se esgotou algunha prestación ou percibía algunha. Agora non. Debe ter a idade mentres cobra algunha outra ou xerando o dereito a un novo subsidio por ter menos de 12 meses cotizados. Esta situación se estende ata a idade de xubilación. Un parado que esgotara a súa prestación con 53 anos e sen ter cargas familiares, pode percibir un subsidio de 6 meses. Despois non poderá solicitar o de maior de 55 anos ata que non traballe seis ou mais meses. ¿Cánto tempo debe pasar para que alguén con mais de 55 anos teña acceso a traballos de seis ou mais meses de duración? Ese tempo é o que se condena a moitos maiores de 55 anos sen prestación.

En terceiro lugar reduce a base de cotización á xubilación do 125% da base mínima ao 100%. Esta diminución, engadida aos tres anos de baleiro de cotizacións que provoca o aumento da idade, vai levar a moitos dos seus perceptores a unhas pensións mínimas de xubilación. Traballadores que estiveron cotizando durante a súa vida laboral cunhas bases superiores aos 1.400 euros e na súa última etapa laboral quedan sen traballo, verán moi reducida a súa pensión, cando menos, nun 20%.

En cuarto lugar modifica a súa duración ao limitala ata a idade na que poida acceder a calquera pensión contributiva de xubilación, en clara referencia á anticipada que neste momento é aos 61 anos. Anteriormente o subsidio aprobábase ata os 65 anos, idade ordinaria de xubilación. Cada ano de anticipación supón unha diminución da pensión entre o 6% e o 7,5% segundo o período cotizado. A xubilación pode diminuír entre o 30%, se ten menos de 35 anos cotizados, e un 24% se ten mais de 40 ao xubilarse con 61 anos.

O Goberno vai provocar unha auténtica traxedia nas nosas cidades e pobos vendo como deambulan sen ningún ingreso os maiores de 52 anos que foron excluídos de mercado laboral. O seu reto será chegar aos 65 anos para poder xubilarse. Provócalles un calvario de trece anos. ¿Cántas das mais de 61.000 persoas que están paradas entre 45 e 54 anos pasarán por el?

Renda activa de inserción

A renda activa de inserción a podía percibir quen non tivera dereito a prestacións ou subsidios de desemprego, teñan mais de 45 anos e levaran un ano inscritos como demandante. Unha persoa desa idade que fora autónomo, cesara na actividade e levara mais dun ano inscrita, tiña dereito a percibila. Agora queda excluído porque non esgotou unha prestación ou subsidio de desemprego. Os autónomos carecen desta protección. Ademais dos autónomos, ven restrinxida a súa posibilidade de acceder a esta renda de insercións as persoas con discapacidade aínda que estes non tiñan o requisito da idade para acceder a este tipo de prestación. Esta axuda vincula medidas activas e pasivas de emprego, itinerarios personalizados de inserción, programas de fomento do emprego e formación, etc. Pode percibirse durante tres períodos de once meses cun ano de diferenza entre un e outro.

O Executivo de Mariano Rajoy elimina a posibilidade de que os autónomos e aquelas persoas con discapacidade accedan a unha prestación de contía similar á do subsidio ao vinculala co esgotamento doutra previamente percibida por estos colectivos.

Prestacións contributivas

Onde o recorte vai recadar mais é no relativo ás prestacións contributivas, ao paro. Vai recortar a todos os parados en maior ou menor contía.

¿Qué recortes fai na prestación por desemprego?

En primeiro lugar traspasa ós parados a diferenza da cotización por continxencias comúns entre o que perciben como prestación e a súa base reguladora. Un parado cunha base reguladora de 1.200 euros percibe de prestación 720 euros nos seis primeiros meses. O aporte do traballador por continxencias comúns, o 4,7%, varía segundo se faga pola base reguladora, 56,4 euros, ou polo que percibe realmente, 33,84 euros. Os traballadores ocupados cotizan basicamente polo que perciben, en todo caso hai algúns conceptos, dietas ou transporte, que non se inclúen na base de cotización. No caso das prestacións é diferente: Non se percibe a contía da base de cotización, soamente o 70% ou o 60%, agora o 50%, polo que había unha diferenza do 30% ou do 40%. Para evitar esta discriminación, o Servizo Público de Emprego Estatal cotizaba o 35% da parte do traballador e o parado o 65% (a media entre 70% e 60%). Agora será o parado quen cotice por ese 30% ou 50% que non percibe. Isto supón unha diminución do 2,5% da prestación que percibe se está no tramo do 70% ou do 4,3% se está no 50%.

En segundo lugar, reduce a porcentaxe da base reguladora que se percibe despois dos primeiros 180 días do 60% ao 50% da base reguladora. Esta diminución supón reducir a contía da prestación nun 16,7% ata durante 18 meses.

A redución que se fai das prestacións por desemprego é a seguinte:

- Redúcese nun 2,5% todas as prestacións que están nos 180 primeiros días.

- Redúcese nun 20,4% despois dos 180 primeiros días.

Principios

Unha vez mais o Goberno utiliza os ses principios: penalizar a quen menos ten para manter os privilexios dos que teñen mais. Recorta prestacións e amnistía aos defraudadores:

- O 45,3% das mulleres con contrato temporal traballan a tempo parcial polo que verán os seus subsidios parcializados.

- Cada mes 4.262 novos subsidios se aprobarán parcializados percibindo menos de 426 euros.

- Elimina o subsidio especial para maiores de 45 anos.

- Aumenta en tres anos a idade para acceder ao subsidio previo á xubilación.

- Restrinxe soamente a quen ten 55 anos cando esgota unha prestación, non mentres está en desemprego.

- Reduce a contía da cotización a xubilación do 125% da base mínima ao 100%.

- Impide que os autónomos podan percibir a renda activa de inserción.

- Restrinxe a renda activa aos que esgotan unha prestación.

- Reduce nun 2,5% todas as prestacións contributivas que están nos 180 primeiros días.

- Reduce nun 20,4% todas as prestacións contributivas despois dos 180 primeiros días.