| óscar cela

«De momento non se conseguiu nada co paro, pero seguimos negociando»


O presidente da Plataforma en Defensa do Transporte di estar satisfeito dos resultados dun paro que, segundo sinala, rematará nesta semana.

-¿Como o valora?

-Entre Coruña e Lugo estamos ao 90% do paro. Houbo camións escoltados, pero pode supoñer un 2% de incidencia. Está parado o transporte de ruta longa.

-¿Que conseguiron nesta semana?

-De momento non se conseguiu nada. Estamos negociando con algunhas cargadoras e vai por bo camiño.

-¿Cando levantarán?

-Penso que nesta semana vai quedar practicamente solucionado. Algunhas cargadoras están próximas a firmar e ás que non firmen seguirémoslle facendo paros todo o ano.

-Cuestiónase a representatividade da plataforma. Din que son catro...

-Ese comentario está aí, pero á vista está quen somos. O país está parado. E os socios desas asociacións que nos cuestionan están parados.

-En Curtis díxose que os seus camións andaban polo estranxeiro. ¿É certo?

-O que falou na asemblea de Curtis eu non o coñecía, pero foi co que tiven un problema na folga do 2005: puxérame un ollo morado. Foi a provocar porque é mentira que eu tivese os coches traballando. Os meus camións están no aparcadoiro. Saíron dous a primeiros da semana pasada, antes do paro, para Italia e volveron cargados ata Zaragoza. Despois viñeron para Lugo baleiros.

- ¿Como foi a súa detención?

-Hai unha intención de esaxerar os temas. Non foi unha detención. Desobedecemos a Garda Civil por non apartar un camión do sitio onde estaba. Leváronnos ao cuartel, tomaron nota de todo e deixáronnos en dúas horas.

-Fálase de que alugaron furgonetas e contrataron piquetes mercenarios de estranxeiros. ¿É certo?

-O das furgonetas é certo, pero estannos botando toda a terra do mundo. Todo isto é unha auténtica barbaridade. Para iso está a Garda Civil, para controlalo. ¡Que demostren onde están os mercenarios! Toda a xente a que identificou a Garda Civil somos xente de aquí e coñecida.

-Dixo que sospeitaba quen causara danos nos camións de Damil. ¿Sabe xa quen foi?

-Correspóndelle a Garda Civil facer as xestións dese tipo. En vez de perseguir aos piquetes informativos, que investigue.

Votación
2 votos
Etiquetas
Italia Lugo ciudad Transporte Zaragoza A Coruña ciudad Curtis Comarca da Coruña Comarca de Betanzos Comarca de Lugo