«A maioría dos excursionistas nunca viaxaran e pouco coñecían do país»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

rober amado

Tereza Guzmán, de Vila de Cruces, leva dez anos programando saídas por España, Portugal e Francia cun grupo fixo

11 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre lle gustou viaxar e leva unha década transmitindo esa súa paixón a un grupo, na súa maioría dezaos, do seu entusiasmo por achegarse a novos rincóns de España. Teresa Guzmán Rey (Merza-Vila de Cruces) sorrí ao ser preguntada polos primeiros desprazamentos que chegaron -lembra- ao pouco de casar co seu home Andrés; sendo unha moza de só dezanove anos.

-Mesmo cando naceu a nosa filla Silvia tamén viaxabamos sempre que podíamos. Fixemos moitas escapadas por distintos puntos de España.

-¿E como se mete nisto de programar excursións?

-Un pouco por casualidade. Un condutor de autobús da empresa Meijide, que é coa que viaxabamos, que se chama Luis Conde, foi o que me animou a programar excursións debido ao meu interese e o grao de coñecemento que teño do país. Fáloche de algo que pasou dez anos atrás, e aquí continúo coas excursións. -¿Saídas pensadas fundamentalmente para persoas maiores?

-Son unhas excursións que naceron para dar resposta á xente maior que non quere acollerse ás viaxes do Imserso.

-¿Que buscan neste tipo de iniciativas?

-Buscan fundamentalmente seguridade á hora de viaxar e pernoctar e que dende a organización se esté máis pendentes deles que digamos nas viaxes convencionais.

-¿Cal é o perfil do usuario que se apunta?

-A maioría dos excursionistas nunca viaxaran e pouco coñecían do país. Son persoas maioritariamente da comarca, aínda que tamén as tiven chegadas dende Melide e Ponferrada, con idades que oscilan entre os 50 e os 86 anos. Traballo de xeito habitual cun grupo fixo de entre 50 e 55 persoas que son as que sempre se anotan para os desprazamentos.

-¿Cantas saídas ven programando ao longo do ano?

-Unha decena e unha máxima importante é que nunca se repite destino. Podemos pasar por unha determinada localidade ou vila que xa visitamos nunha anterior ocasión pero o destino sempre é diferente. Non hai problema. Resta sempre moito por visitar e fermosos recunchos por descubrir!.

-Falaba de coñecer España, ¿só se quedan no país?

-O primeiro é coñecer o noso antes de visitar o de fóra pero tamén estivemos por países veciños coma Francia e Portugal.

-¿Que ten en conta á hora de programar unha excursión?

-Hai que salientar que anos atrás eu me ocupaba de todo; dende elexir destino ata facer as reservas nos hoteis, pero dende un tempo para acá das reservas se encarga a axencia Zafiro Tours. Por outra banda son saídas nas que non estamos fóra da casa máis de cinco días e nas nosas excursións non poden faltar as visitas a monumentos, igrexas, basílicas, contar con guía en destino e por suposto pasalo ben.

-¿Son excursións ao alcance de todos os petos?

-Pois a verdade é que penso que o son. O desprazamento máis caro que afrontamos ata a data, con todos os servizos incluidos e de cinco días de duración, foi de 275 euros. Penso que é un prezo que se pode desembolsar!.

-¿Que gaña con este tipo de iniciativas?

-Económicamente nada pero moita satisfacción ao ver que a xente o pasa ben e sobre todo unhas grandes doses de agarimo e amizade. Ao longo da miña vida tiven moitos achaques de saúde e, cando aínda estaba convalecente dunha intervención, dixen que tiña que ir ao Rocío e aos quince días alí estaba. A vida é un paso e mentres poida seguir organizando viaxes e facéndoas non vou descansar.

Xuntanzas. Os excursionistas participan en alomenos dúas comidas anuais: unha no Cebreiro en decembro e outra no Corpiño, en agosto.

Lembrando aos finados. O grupo lembra tamén aos compañeiros xa finados coa celebración dun par de actos relixiosos.

«Tiven casamentos dentro do grupo que participa nas habituais saídas»

A primeira viaxe que organizou Teresa foi a Covadonga. Lembra que se celebrou un 21 de xuño «e quedámonos no Hotel Avelina onde estiveramos nós -Andrés, Silvia e eu con antelación- e a xente volveu desa viaxe absolutamente encantada».

-E a partires de aí os destinos foron múltiples. De feito, o próximo que imos celebrar xa está pechado. Farémolo do 8 ao 12 de outubro con estancias en San Fernando (Cádiz), Barbate, Alxeciras, Azahar dos Atunes e Xibraltar. Logo para o mes de novembro xa estamos a barallar o poder ir ao Pilar a Zaragoza. Se Deus me dá sorte e saúde quero seguir buscando destinos que sempre sexan de interese para o grupo. É importante tamén decir que normalmente, á hora de programar as excursións, aproveitamos as pontes e datas sinaladas no almanaque como pode ser Semana Santa.

-¿Ao grupo xa constituido se poden sumar novos membros?

-Claro. As excursións ábrense ás persoas que lles poidan interesar, malia que hai un grupo que se anota sempre, non desbotamos novas incorporacións. Todo o mundo é benvido. Se queren viaxar e pasalo ben creo que non quedarán defraudados.

-Dez anos de saídas aportan experiencias de anécdotas...

-Moitas, moitísimas. Acórdome, por exemplo, que estando de visita en Pamplona me atopei cun veciño de Merza que se quedou estrañado de verme alí, e en Vitoria con outro que se quedou enormemente sorprendido e non me coñecía. Tamén tiven casamentos dentro do grupo de xente que participa nas excursións, que se coñeceu nestas saídas e se namorou... Lembranzas e acontecementos dende logo que houbo moitos e ogallá que veñen moitos máis; sempre que sexan positivos...