Recuperar a reitoral de Toiriz (carta aberta a bispos e alcalde)

Sinésio Soto Fernández

VILA DE CRUCES

07 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

E

u non fun Balbino, o personaxe que tanto éxito lle deu ó escritor e veciño desta vila, Don Xosé Neira Vilas; eu fun un neno que naceu na parroquia de Toiriz, no Concello de Vila de Cruces, aló pola década dos anos cincuenta, e que, coma moitos outros, tivemos unha serie de vivencias que vou tentar expoñerlle:

Cando eu era neno, 6, 7, 8,... anos, era costume que ós domingos, sobre todo os que antecedían a Semana Santa, nosos pais nos levaran a misa. Despois da misa os nenos quedabamos co señor cura para asistir a unhas sesións de catequeses, logo da cal o cura invitábanos a ver un pouco a televisión na súa casa, na casa reitoral da parroquia. Daquela era a única televisión que había na parroquia. Eu recordo a casa reitoral como a mellor casa da parroquia, ningunha tiña as súas condicións estruturais e de habitabilidade; está orientada ó nacente, cunhas boas comunicacións, pegada a propia igrexa, no centro da parroquia, a escasos tres quilómetros da capital municipal, cunha finca ampla o seu redor...

Hoxe a casa reitoral da parroquia de Toiriz estase convertendo nun morico de escombros; eu teño a sensación de que algo de min está a punto de desaparecer. Supoño haberá máis xente que lle poida acontecer algo parecido. Dende que os curas da parroquia deixaron de habitala, por dixadez, incapacidade, falta de vontade, etc, foise deteriorando ata a situación actual na que presenta unha situación a punto de ser irreversible.

Si se preguntan a onde quero chegar, vóullelo dicir moi pronto: E un feito que o Bispado ven de poñer parte dos ‘bens da reitoral’ a venda, en concreto unha finca no lugar de O Alto dos Castros (tamén chamada A Zarra do cura), finca que según algúns veciños, dos de mais idade da parroquia, foi doada por un veciño a Igrexa. Que mellor destino para os cartos que dea a referida finca que a recuperación da Casa Reitoral, casa que dalgún xeito pódese considerar patrimonio cultural e símbolo da propia identidade da parroquia como tal. Eu estou convencido que podería buscarse algunha viabilidade para que a súa recuperación fose funcional; para vivenda do párroco ou para un fin relixioso ou social ou civil , etc.

Dende esta tribuna, no meu nome e de tódolos veciños de Toiriz, pídolle en primeiro lugar a monseñor Bispo de Lugo, como responsable directo do futuro da Casa reitoral de Toiriz no seu conxunto, en segundo lugar a monseñor Bispo de Tui, non por casualidade, senón porque é natural deste municipio e en terceiro lugar ó Ilmo Señor alcalde do Concello de Cruces e a todos aqueles que dun xeito poidan contribuír a elo que fagan todo o posible para que, o que foi o longo de moitos anos patrimonio e símbolo da parroquia o siga sendo por moitos máis.

!Quen non sabe de onde ven mal saberá para onde ha de ir¡. Non pedimos nada doutro mundo, senón que o que pedimos ten tódalas posibilidades de materializarse e ser unha realidade. O que é a Casa Reitoral de Toiriz recuperaría o seu valor patrimonial, cultural, etc, e a súa propiedade seguiría sendo de quen é.

Ilmo Sr Alcalde, a vostede como máximo responsable da defensa dos intereses xerais de todos e cada un dos veciños do Concello, pedirlle a máxima dilixencia na preservación, recuperación e viabilidade do que representa a Casa Reitoral de Toiriz.

Por último pedirlle a monseñor Bispo de Lugo, que escoite con atención as nosas pregarias e dea traslado delas no seu conxunto a súa Santidade o Bispo de Roma, non por atrevemento pola nosa parte, senón porque sabemos da súa sensibilidade ó respecto.

Sen outro particular saúdoo en Toiriz a 4 de Agosto de 2016. Abonxo