¡Toiriz en pé!

Abonxo

VILA DE CRUCES

24 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na última xuntanza da Asociación de Veciños da Parroquia de Toiriz reclamáronse, entre outras, unha serie de melloras e servizos fundamentais para o futuro desta parte do Concello de Vila de Cruces:

-O impulso, por parte das autoridades municipais, da concentración parcelaria, para o que xa pasa de dez anos que se fixo entrega das correspondentes firmas dos propietarios e veciños, solicitando a súa posta en marcha. Aínda que para moitos veciños non teña unha grande prioridade, si que a ten para a totalidade o feito dos servizos que conleva o seu desenvolvemento (accesos, rexistro das respectivas propiedades, etc).

-Unha praia fluvial á altura das que teñen outras parroquias do Axuntamento (A Carixa, Remesquide, etc); para unha parte dos veciños deste concello prestaría un servizo moito a mau, dende as propias Cruces tárdase menos de cinco minutos. Contamos cun río formidable e un espazo no que se iniciaron actuacións (no Aviseiro, onde se celebrou en anos pasados a Festa do Río).

-Ao Obispado pedirlle que limpen de silvas a casa rectoral no seu conxunto e teñan a ben botarlle unha cuberta, xa que estase convertindo, un dos símbolos desta parroquia como tal, nun morico de escombros. Xa que teñen en venda as propiedades da rectoral, teñan a ben reinvertir na propia parroquia.

-Xa que nos suben a contribución urbana en máis dun 500 %, chegando a reclamarnos ata catro exercicios xa pagados, e nos cobran impostos por todo, que nos presten os servizos aos que temos os mesmos dereitos que os demáis veciños.

-Queremos menos ralis do Cocido, non nos ten que tocar todo-los anos a nós, e máis servizos; que se repartan as cousas boas e as non tan boas.

_Que fagan un carril para pasear dende Cruces a Toiriz, para viandantes e bicicletas, que bos servizos prestaría, e sobre todo daría máis seguridade.

¡Queremos concentración,/ e menos contribución,/ praia fluvial no Aviseiro,/ e reinversión do diñeiro!.

¡Nos tamén somos de Deus! ¡En pé! Coa oliva nunha man e a fouce noutra.

¡En pé! Dispostos a non morrer sen loita.