Cruces prepara unha homenaxe a Neira Vilas con música

VILA DE CRUCES

Nel participarán os intérpretes cos que estaba traballando o escritor estes meses e que estaban a musicar os seus versos

29 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Vila de Cruces quere que Neira Vilas siga vivo e prepara xa varios actos de recordo e na memoria do escritor. Un deles contará cos músicos galegos cos que Xosé Neira Vilas estaba a traballar nos derradeiros meses e que estaban a musicar os seus poemas. No funeral Mini e Mero e Roi Casal interpretaron dous deles. No caso de Casal trátase dun traballo que realiza con Pablo Milanés, que onte non puido estar en Gres porque se atopa na Habana.

É un dos actos nos que o Concello de Cruces está a traballar e o que se sumarán, di o alcalde, Jesús Otero, outros máis. Outra das cuestións pendentes é o futuro centro dedicado a Balbino.

Neira Vilas voltou onte a reunir na súa aldea natal a un sinfín de autoridades e amigos. Representantes de todos os partidos políticos. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e o ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o secretario de Política Lingüística, Valentín García ou Anxo García Lorenzo que estiveron acompañados por o ex alcalde de Lalín, José Crespo, Antonio Crespo entre outros.

Xabier Vence e Carme Adán do BNG xunto con edís nacionalistas da zona, entre elles, o portavoz do BNG de Cruces, Xoán Blanco. Estaban os alcaldes de Vila de Cruces, Jesús Otero, o de Lalín, Rafael Cuíña, o de Silleda, Manuel Cuíña, o de Agolada, Ramiro Varela e representantes das respectivas corporacións locais. Os socialistas Paula Fernández Pena (Silleda) e o tenente de alcalde, Nicolás González Casares de Lalín xunto con Teresa Varela, de Compromiso por Lalín, e segunda tenente de alcalde.

Sumáronse escritores, amigos, músicos e artistas, unha longa lista na que se inclúen dende Freixanes a Francisco Castro pasando por Cándido Pazó, o fillo de Laxeiro, ou Xosé Manuel Perozo. Profesores, membros do Padroado da Solaina, fundación irmá da de Neira Vilas, do ensino e de todo tipo de agrupacións culturais, veciñais e musicais da zona xunto con moitos veciños de todos os recunchos acudiron onte a render un último adeus a este cruceño universal e o bispo de Vigo, o cruceño Luis Quinteiro.

Nos corrillos, as conversas debullaban unha imparable narración de anécdotas, de vivencias con Neira Vilas como protagonista. Recordos que ían debuxando no ar a inmensa calidade de un home de aldea que xa forma parte de nós e da nosa identidade como pobo.

Xosé Ramón Moire sinalaba onte que «para os que o tratamos sabedores da súa bonhomía, realmente bo e xeneroso, galeguista defensor do rural e case obsesionado pola necesidade de que a xente que no seu día marchara para a cidade voltara para as vilas e aldeas , traballador incansable, sempre gustoso de verse rodeado por cativos, encantador e coas portas abertas da súa casa en calquera momento». A vez que recordaba, o igual que facía onte o pé da igrexa de Santiago en Gres, a súa «memoria impresionante para as datas e acontecementos, as historias que relataba non parecían ter fin e enlazaba unha na outra con gran facilidade... impresionante».

O remate dos actos relixiosos, o párroco, Alfonso Blanco Torrado, expresou o agradecemento da familia de Neira Vilas a tantas mostras de agarimo recibidas nestes días. A súa sobriña Chus, foi a encargada de ler na misa un dos textos do pai de Balbino. A igrexa estaba ateigada de flores. Os ramos de rosas roxas enchían o altar onde foi depositado o cadaleito, cuberto coa bandeira galega, e onde apenas quedaba espazo. Gran parte dos asistentes tiveron que quedar fora da igrexa. Moitas das autoridades encheron o interior do templo, a falta doutro espazo. Tras a misa tivo lugar o enterro. O corpo de Neira Vilas foi colocado no nicho familiar que se atopa por riba do que descansa desde o 2009 a súa dona Anisia.

adeus a un galeguista histórico