«Competir en prezos con países estranxeiros dificulta o fabricar»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

VILA DE CRUCES

Mantén a elaboración de pantalóns, que se venden nas súas cinco tendas

04 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Apostou por continuar a estela profesional marcada polos seus pais. A Natividad Iglesias Guerra o que máis lle satisface do seu currículo, puntualiza esta cruceña, «é a experiencia que fun adquirindo ao longo de todos estes anos de traballo onde comecei sendo moi nova». É que con só 13 anos xa atopou tempo para botarlle unha man a seus pais na fábrica que posuían, compaxinando estudos e traballo; «e sempre en calidade de autónoma».

-A súa adicación á confección vénlle pois de herdanza familiar directa...

-Por aí vai a cousa. Meus pais comezaron a fabricar alá polo ano 1987 xa co nome comercial rexistrado de Naty, que mantemos na actualidade. Eles comezaron a confeccionar nos baixos da casa familiar pero logo, un pouco despois, xa apostaron por alugar unha nave próxima a Vila de Cruces que era onde fabricaban.

-¿Que confeccionaban naquel entón?

-Lémbrome que se confeccionaba un pouco de todo, prendas moi variadas... Da pequena fábrica de meus pais saían camisetas, pantalóns, saias, chaquetas, camisas, parkas... Menos punto que non confeccionaban despois podías atopar de todo. O abano era moi amplo.

-¿Unha liña que vostedes decidiron logo continuar?

-Ao principio foi a liña que nos marcamos pero logo os tempos, e a situación económica reinante, nos empurrou a mudar algunhas cuestións respecto dos inicios.

-¿Cal foi a clave para que seus pais se decantasen pola confección?

-Nese ano 1987 do que falaba meus pais viaxaron a Barcelona para mercar teas suficientes para comezar a fabricar e fixéronno despois de estar como vendedores ambulantes durante varios anos. Decatáronse entón que se precisaban fábricas de roupa nas que abastecerse para esa venda ambulante á que se adicaban e foi polo que apostaron por poñer unha fábrica de seu. A decisión non lles foi mal e acabaron por abastecer dende Vila de Cruces a comercios de roupa espallados por toda a comunidade autónoma. A necesidade pois que daquela había no mercado da roupa e, ao mesmo tempo, as gañas de cambiar de traballo debido á dureza e ao sacrificio que supón vender nas feiras fixo que se decidiran a fabricar. Traballo claro que era e é pero alomenos non hai que estar sempre dun lado para outra, sempre nas estradas.

-Dende que leva as rendas da empresa fixo cambios, ¿cales son os máis significativos?

-A empresa levámola o meu home José Ramón e máis eu; ao 50 %, logo de que meus pais se xubilaran e somos os responsables ambos de todo o bo e o malo que ocorra na mesma. A situación do mercado, o momento que nos toca vivir, fixo que nos centrásemos só nunha parte de confección e apostamos por aperturar tendas por Galicia adiante.

-¿Que resulta máis complexo á hora de fabricar unha prenda de roupa?

-Competir en prezos con países estranxeiros, e mesmo con Portugal, dificulta enormemente o fabricar. Iso foi o que nos levou a manter a confección de pantalóns que se sigue facendo dende as nosas instalacións de Vila de Cruces pero o resto de prendas xa non as facemos e as mercamos para a súa venda.

natividad iglesias guerra xerente de confeccións naty

«Precisábanse fábricas de roupa que abastecesen a demanda que tiña o mercado»

«A confección

de pantalóns mantense nas nosas instalacións de Vila de Cruces»

«Buscamos vender o produto sen intermediario»

Un curso de patronaxe na academia Santiago Bazarra de Compostela, e a experiencia adquirida ao longo de tantos anos na fábrica de seus pais, fai que o mundo da confección teña xa agora poucos segredos para Naty.

-Era ben nova pero moito me gustaba chegar á casa e poñerme a traballar. Había sempre moito que facer. Non desatendía as miñas obrigas, que era eu boa estudante, pero sempre botaba unha man naquelo que podía na fábrica. Como sempre me ensinaron nesta vida hai que loitar e, alá polo ano 99, cando coñecían ao meu home pensamos que sería axeitado comezar a ter locais nos que poder vender directamente os nosos produtos sen necesidade de intermediarios. Así foi como naceu realmente Naty.

-¿Lémbrase como foron aqueles comezos?

-Tempos de incertidume. Viaxar á aventura. Mercar teas, mirar tendencias, apostar por determinadas localidades, coñecer novos proveedores...

-A primeira das súas tendas abriuse en Lalín...

-En Lalín chegamos a ter dúas tendas que funcionaron moi ben naqueles momentos, pero moi ao noso pesar, hoxe non temos ningunha aberta aí. Á de Lalín lle seguiron outras que afortunadamente continúan en funcionamento que son as de Pontevedra; na Cidade do Lérez contamos con dúas, outra está en A Estrada, hai outra en Boiro e unha última en Ourense que funciona como outlet.

-¿A cantas persoas lle dan traballo na actualidade?

-Actualmente contamos con oito empregadas fixas e cinco que son eventuais.

-Manteñen a fabricación de pantalóns, ¿por que?

-É que as clientas son moi fieis e nolos siguen pedindo. Reclaman os nosos modelos polo deseño, confección e tallaxes. Ao ser unha prenda que ten demanda e saída hai que mantela. Nos primeiros tempos un 80 % da mercadoría que ofreciamos nas nosas tendas era de producción propia, fabricada ao 100 % aquí en Vila de Cruces, pero debido á situación económica do país, e de intentalo con todas as nosas forzas non nos quedou outra máis que deixar de fabricar unha gran porcentaxe das nosas prendas dado que non podemos competir contra xigantes, como comentei con anterioridade.

-¿Prendas nacionais nas súas tendas?

-Prendas nacionais cunha calidade e confección impecables. Mercadoría que nos serven proveedores de Barcelona, Madrid, Murcia, León... Certo que tamén contamos con fábricas lusas que nos confeccionan produtos elexidos ao noso estilo e coas calidades esixidas.

«Comezamos a introducir tamén roupa de home que está sendo un acerto»

A Naty gustaríalle abrir algunha tenda máis pero, entende, que non é ahora mesmo o momento.

-Somos unha empresa familiar e pequena e agora mesmo as nosas preferencias céntranse en manter o que temos o mellor que podemos. Logo están as nosas fillas das que queremos poder disfrutar tamén e estarmos con elas o máximo tempo posible.

-Cal é o tipo de prendas que ofertan?

-Prendas para mulleres dende sempre. O que máis nos preocupa é ter unha gran cantidade de artigos, moita variedade, moda que sexa actual e moi cómoda, práctica, xuvenil e con tallaxe para un amplo segmento poboacional feminino; dende a talla 38 ata a 54. Outra das nosas premisas, tanto no que se refire á nosa confección coma o que vendemos, é poñer prezos asequibles para poder permitirnos ir á moda e cambiar con frecuencia de modelos que ao fin é o que nos gusta ás mulleres!

-Creo que iniciaron unha incursión na vestimenta masculina...

-Pois é certo que comezamos a introducir roupa de home na tenda de Pontevedra que está sendo un acerto. Non descartamos facer o mesmo nos outras establecementos. É cuestión de ir facendo o volume das vendas e da aceptación destas prendas en concreto e, se continúa a demanda como a que se está dando, posiblemente as introduciremos no resto. É unha selección variada que lle mercamos a unha empresa que fabrica na comunidade, concretamente en Ourense.