A Ponte de Gres, unha xoia arquitectónica a conservar

amelia ferreiroa

VILA DE CRUCES

O colectivo de Ponteledesma recompila datos para un libro

10 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Ponte de Gres (Vila de Cruces) acollerá o vindeiro 1 de abril a primeira edición do Día das Artes Galegas, que se lle adicará ao Mestre Mateo. A Asociación de Veciños de Ponteledesma, que conta con nova xunta directiva, traballa para solicitar dos organismos competentes o mantemento da ponte con carácter periódico e difundir a súa historia. «Cando nos enteramos que a Real Academia Gallega de Bellas Artes ía organizar dita xornada nos emocionamos xa que entre o que se consideran artes galegas tamén está a arquitectura co cal a nosa ponte, a de Gres, tamén entraría aí. Está na Vía da Prata e moitos peregrinos ao chegar a Prado seguían por Ponte Ulla pero outros querían ir ao Santuario de O Corpiño e a Carboeiro polo que pasaban por Merza, Fontao, durmían na casa natal de Neira Vilas e cruzaban a ponte», lembra a vicepresidenta da asociación veciñal Natalí González Cacho.

Unha construcción que, a xuizo de Natalí González, dá pena. «As marxes externas están invadidas de maleza. É un pecado. Data de 1574, sendo mestre de obra Juan de Herrera, e se construíu sobre unha anterior que debía de ter mil anos de antigüidade. Hoxe -por onte- está de aniversario xa que no 1809 tivo lugar unha batalla entre 2000 soldados das tropas napoleónicas contra a xunta de labregos do Deza que tiñan para defenderse chuzos, pedras, paus e apeiros de labranza contra cañóns, armas de fogo e cabalería do exército francés. Malia a todo conseguiron que os franceses non seguiran entrando nas terras do Deza. Por todo iso e por moito máis temos unha xoia arquitectónica que debemos de conservar. Por falta de conservación pode caer en 20 ou 30 anos».

A asociación aproveitará o 1 de abril para facer un intercambio de agasallos entre representantes de entidades culturais. A Banda de Merza fará intercambio coa de Ponteledesma, o grupo cruceño Punteirolo coa Requinta de Xián (Boqueixón), A Solaina de Piloño co Centro de Interpretación do Pico Sacro e «os alcaldes de Cruces e Boqueixón se trocarán cincel e martelo». Un colectivo que leva a historia da ponte aos colexios. «Fixémolo en Piloño e no CEIP Orza Couto de Boqueixón adicaranlle á ponte a Semana Cultural e mesmo dende Xuventude nos propuxeron escribir un libro sobre a mesma».