«Este nomeamento é un orgullo e unha responsabidade»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

A presidenta de Xirandola recibiu a máxima distinción de Vista Alegre pola súa vinculación ao centro

20 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Marita Casal Tato leva trinta anos formando parte da agrupación Xirandola da Bandeira, da que é actualmente presidenta, e outros tantos sentindo as instalacións do Centro Cultural Vista Alegre coma a súa casa. Onte o colectivo, que pechou os actos da súa xa tradicional Semana Cultural, tributoulle un recoñecemento pola súa traxectoria e nomeouna socia de honra.

-¿Como se sente?

-Emocionada, nerviosa, orgullosa,... O feito de que me nomearan socia de honra é algo que leva moito peso. É un recoñecemento á miña traxectoria cando realmente os que están traballando son eles: é a Asociación Vista Alegre. Este nomeamento é un orgullo e unha gran responsabilidade.

-Máis peso se cabe por ser un galardón que se lle otorga na casa.

-Certo. É que o centro cultural é a miña outra casa. Estou vinculada ao centro dende cativa, dende noviña.

-¿Cales son esas primeiras lembranzas que ten do centro cultural?

-Acórdome perfectamente daquel primeiro día que entrei no centro cultural para ensaiar con Xirandola. É a lembranza que teño do centro e logo xa a partires de aí moitas cousas, anécdotas, vivencias que foron pasando ao longo de todos estes trinta anos que son os que posúe Xirandola de existencia, e que eu fun vivindo.

-Un centro que se caracterizou por ser niño de acubillo de moitos colectivos.

-Sempre. Foi un centro que sempre abriu as portas aos grupos e ás asociacións. Nós actualmente estamos ensaiando no auditorio pero a nosa casa sempre foi e é o centro cultural. Á hora de marchar para unha actuación ou unha viaxe ou para manter unha reunión sempre nos xuntamos no centro cultural. É máis o noso vestiario está nas dependencias do centro cultural e o enderezo que damos para calquer cuestión sempre é a do centro.

-¿Cales foron os cambios que experimentou o centro ao longo destes trinta anos?

-Creo que foi un centro no que se veu unha evolución progresiva ao longo destes anos. Un avance en positivo, sempre mellorando. Polo centro pasou xente que traballou e que traballa moitísimo dun xeito totalmente desinteresado. Esforzo e compromiso que hai que agradecerlle a actual directiva e a todas as directivas que pasaron polo centro nestes trinta últimos anos. É un centro que continúa en evolución e creo que é un orgullo para Bandeira e para a comarca.

-Evolución que se lle aplica tamén a Xirandola.

-É unha satisfacción o seguir medrando, o haber chegado aos trinta anos de funcionamento e o sermos unha gran familia á marxe da que temos cada un de nós. A verdade é que así dá gusto traballar e anima pensar en novos proxectos.