«Tivemos que facernos cada un a nosa roupa para estrearnos como grupo»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

A formación programará accións novidosas por mor do seu trixésimo aniversario

04 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Trinta anos de actividade ben merecen facer algo especial. Así o entenden os integrantes do Grupo de Baile Tradicional Xirandola da Bandeira (Silleda)que xa puxeron en marcha a convocatoria dun concurso para elexir o logotipo que acompañará todas aquelas actividades que desenvolva a formación ao longo do vindeiro ano 2017, que será cando se cumpran as tres décadas de vida do grupo. O logotipo gañador, que será premiado cunha contía de 200 euros que aportará a Asociación de Comerciantes de Silleda (Ecos), darase a coñecer no vindeiro xaneiro ao tempo que Xirandola continúa traballando e planificando múltiples actividades por mor desa importante efeméride. Trinta anos de andaina dunha agrupación á que está ligada Maite Casal Tato (Santirso de Manduas-Silleda), bailarina e tesoureira do grupo.

-Trinta anos en Xirandola sen pausa.

-Nacín como bailarina en Xirandola, casei en Xirandola, a miña maternidade vivina en Xirandola e o meu fillo naceu en Xirandola. Son trinta anos da miña vida intensos!

-¿Como naceu a formación?

-Pois naceu a raiz dunha actuación que fixo a agrupación Cantigas e Agarimos na Festa da Empanada da Bandeira. Por aquel entón, e fáloche do ano 1987, a Asociación Cultural Vista Alegre programara unha actividade de baile tradicional e contactara con dous compoñentes de Cantigas e Agarimos que eran Bernardo Nogueira e Juan Morandeira que posteriormente pasarían a ser os nosos primeiros mestres do grupo.

-Daquela primeira formación, da do ano 1987, ¿cantas persoas máis seguen vinculadas a Xirandola?

-Do que é de baile está Marita, a miña irmá, Mariela e máis eu. Logo do grupo musical continúa Manolo, e tamén contamos con Loli que empezou como nai de Mariela na agrupación e que na actualidade se fai cargo do vestiario. Salientar que dende os comezos de Xirandola estivo sempre moi implicada co grupo e formou parte da primeira directiva. Non podemos obviar a Amparo, unha rapaza que comezou a bailar dende os comezos pero que despois por motivos persoais tivo de deixalo, e agora fai cousa de tres anos voltou a incorporarse ao grupo. Na actualidade está no grupo xunto coas súas nenas. Despois temos bailaríns e bailarinas que levan no grupo dende os tres aniños e que xa forman parte do grupo dos maiores; caso de Iván, Raquel, Eva...

-¿Que lembra daqueles primeiros anos?

-Lémbrome da moita ilusión que tiñamos todos. Todo aquelo que antes lle chamabamos vello: roupa, trapos, gorros e cestos pasaron a ser antigos e comezou a dárselle importancia. Eran tempos en que falabas coa xente maior que coñecías e preguntábaslle polo xeito en que se divertían cando eran mozos, como se vestían e que tocaban... Eran anos de inquedanzas para recompilar bailes e recuperar pezas.

-¿Foi unha agrupación que partiu de cero, sen vestiario nin instrumentos?

-Totalmente. De feito non había vestiario e cada un tivemos que facernos a nosa propia roupa para estrearnos como grupo. Lémbrome que posteriormente acadaramos unha subvención para mercar instrumentos e puidéramos comprar dúas gaitas saídas do taller de Seivane.

-¿Cal foi a resposta da veciñanza ante Xirandola?

-O pobo da Bandeira sempre foi moi agradecido co grupo, aínda que a verdade é que é moi agradecido con todas as actividades que se levan a cabo. Temos actuado fóra de Galicia e aparecer algún veciño que estaba de vacacións por alí e vir a vernos.